Santiago
+15° C
Actualizado
lunes, 03 junio 2024
15:30
h

Ultimátum de Ames á Mancomunidade Serra do Barbanza polos problemas na recollida do lixo

O executivo de José Miñones advirte que se non resolven as deficiencias no servizo, contratarán un camión para facelo con medios propios // No rural non se recolle dende o 10 de marzo

O goberno municipal vén de enviarlle unha carta á presidenta da Mancomunidade Serra do Barbanza, Teresa Villaverde, na cal se lle traslada a deficiente situación do servizo de recollida de lixo no concello de Ames. O que máis lle preocupa o goberno local é a situación na que se atopa o rural, onde non se recolle o lixo dende o pasado 10 de marzo. Nos núcleos urbanos estase normalizando a situación, aínda que existen rúas nas que non se está prestando dito servizo. Se persiste esta situación, contratarase un camión para facer a recollida con fondos propios, para de seguido depositar o lixo na planta de tratamento de Lousame. Estes gastos remitiránselle á Mancomunidade.

O pasado luns, 13 de marzo, o goberno municipal recibiu aviso da Mancomunidade Serra do Barbanza dando traslado de que existían de novo problemas cos camións que realizan o servizo de recollida do lixo. Isto derivou novamente na prestación dun deficiente servizo ao longo desta semana tanto nos núcleos urbanos coma no rural. Despois de que o goberno municipal se puxese en contacto coa Mancomunidade, este mércores pasado prestouse dito servizo nas localidade de Bertamiráns e do Milladoiro, pero nalgunhas rúas quedaron colectores sen recoller. A isto hai que engadir que dende o pasado venres, 10 de mazo, non se recolle o lixo nas parroquias do rural.

O concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, explica que “o que máis nos preocupa é a situación do rural onde levan xa 6 días sen o servizo de recollida de lixo. Estamos en contacto coa Mancomunidade para que o máis axiña posible se normalice este servizo no rural. De non ser así, optariamos por retirar o lixo con medios propios. Dende o Concello xa contactamos cunha empresa para contratar un camión para recoller o lixo e, posteriormente, depositalo na planta de tratamento de Lousame. Se optamos por está vía, os gastos da contratación de dito camión, remitiránselle á Mancomunidade”.

Asemade, os técnicos municipais están elaborando un informe para sobre a falta deste servizo durante este mes de marzo, ao igual que sucedeu no pasado mes de febreiro, para enviarllo á Mancomunidade co obxectivo de que fagan o correspondente desconto na factura que lle paga o Concello a esta entidade pola prestación do devandito servizo.

O alcalde de Ames, José Miñones, indica que “a falta de recollida durante varios días está provocando que se acumule lixo nas rúas dos dous grandes núcleos urbanos, así como en todo o rural, onde a situación agrávase sen recollida dende o pasado venres. Este feito está provocando un problema de salubridade que non imos a permitir que vaia a máis. Por iso solicitamos da Mancomunidade unha solución inmediata. De non cumprir coa prestación deste servizo nun prazo e 24 horas, procederemos á recollida do lixo pola nosa conta.”

Debido a esta situación, dende a Concellaría de Servizos Básicos pídenlle colaboración á veciñanza amesá e que, na medida do posible, non depositen lixo nas beiras dos colectores de lixo, e piden desculpas polas molestias ocasionadas. Agárdase que nas próximas horas quede solucionada esta falta de servizo e volva a prestarse con normalidade.

16 mar 2017 / 19:16
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito