Santiago
+15° C
Actualizado
lunes, 03 junio 2024
15:30
h

Ames fai unha aposta polo apoio ao emprendemento e o fomento de actividades comerciais

O concelleiro de Promoción Económica, Bernardo Moar, destaca o "importantísimo esforzo que se está levando a cabo no apoio ao emprendemento e na posta en marcha de fórmulas de emprego e autoemprego"

     

    O orzamento deseñado para 2012 polo Concello de Ames fai un especial esforzo para o fomento do emprego, do emprendemento e das actividades comerciais do municipio. Máis concretamente, só en axudas para o comercio e ao fomento do emprego destínanse máis de 72.000 euros. Deste total, 35.556 euros están consignados a convenios coas asociacións de comerciantes de Ames. 

    O concelleiro de Promoción Económica, Bernardo Moar, destaca o "importantísimo esforzo que se está levando a cabo no apoio ao emprendemento e na posta en marcha de fórmulas de emprego e autoemprego". Moar subliña que "nunca se fixera un esforzo tan significativo, que é especialmente importante na actual conxuntura económica". "O Concello de Ames traballa para apoiar aos comerciantes amienses, para que desenvolvan actividades e poidan aumentar o seu número de clientes", engadiu.

    Deste xeito, o comercio amiense recibirá 65.000 euros. Dese total, no que se contemplan as axudas, destínanse 10.000 euros á Feira do Comercio Val da Mahía e outros 10.000 para unha campaña de promoción do comercio coa asociación AEMI. Os orzamentos de 2012 tamén inclúen outras partidas para a subvención de actividades innovadoras (10.000 euros), nas que se inclúe as actividades de apoio á fidelización dos clientes. Neste apoio aos comerciantes e empresarios, tamén se destinarán 1.500 euros para o concurso de escaparatismo e 3.200 para accións do sector hostaleiro.

    O Goberno amiense foi consciente á hora de elaborar os orzamentos das dificultades que atravesan no actual contexto económico os pequenos empresarios do municipio. Por esta razón, no orzamento de 2012 contémplanse diferentes subvencións pensadas para o comercio e o fomento do emprego neste sector. O Concello considera que "este esforzo é imprescindible no actual momento económico, no que se debe prestar un maior apoio ao tecido empresarial da zona".

    Os orzamentos de 2012 tamén inclúen á aposta do Concello de Ames pola formación para o emprego. Neste eido, resérvanse 42.000 euros en concepto de aportación municipal ao obradoiro de emprego. Ademais, consígnanse 10.000 euros para levar a cabo as obras de adecuación do Centro de Formación Aldea Nova e 35.000 euros para a convocatoria de achegas da Rede Comercia.

    O Concello de Ames tamén solicitou a posta en marcha da sexta edición de InserAmes, co fin de dar formación a 72 participantes e facilitar a accesibilidade ao mercado laboral das persoas que non teñen emprego.

    A pesar de que a situación económica non é óptima o Concello de Ames está contribuíndo, a través destas actividades, á posta en marcha de diferentes ferramentas para fomentar o emprego entre a cidadanía amiense que se encontra en situación de desemprego.


     

    24 jul 2012 / 18:09
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito