Santiago
+15° C
Actualizado
lunes, 29 julio 2024
19:16
h

A colaboración cidadá e o traballo conxunto de Policía Local e Garda Civil fai posible o arresto de dúas persoas cando tentaban roubar nunha vivenda en Bertamiráns

    Na detención dos dous presuntos atracadores, un home e unha muller, foi moi importante a colaboración cidadá, xa que foi o aviso dun veciño o que alertou aos axentes da Policía Local, que puideron deter aos sospeitosos 'in fraganti' coa colaboración da Garda Civil.

    Ames, 3 de xullo de 2012. A Policía Local de Ames detivo está mañá, en colaboración coa Garda Civil, a dúas persoas que tentaban roubar no interior dunha vivenda situada na urbanización Agro do Muíño de Bertamiráns. Na detención dos dous presuntos atracadores, un home e unha muller, foi moi importante a colaboración cidadá, xa que foi o aviso dun veciño o que alertou aos axentes da Policía Local, que puideron así deter aos sospeitosos 'in fraganti'.

    Un dos sospeitosos foi arrestado polos axentes nas inmediacións da vivenda na que acababan de entrar. O outro conseguiu fuxir nun primeiro momento por unha zona de monte próxima á urbanización. Para conseguir deter a este sospeitoso foi preciso a colaboración de maquinaria municipal, debido á dificultade de aceso aos terreos no que se ocultaba. Finalmente, e tras unha persecución foi posible arrestar ao sospeitoso, que foi trasladado xunto ao outro detido ás dependencias da Garda Civil do Milladoiro.

    Ata a zona na que se produciu o suceso, desprazouse un importante operativo policial no que colaboraron activamente a Policía Local e a Garda Civil e que fixo posible a detención dos dous sospeitosos. Neste momento, a Garda Civil continúa coas investigacións sobre o caso.

    A Policía Local de Ames quere agradecer especialmente a colaboración cidadá, que cos seus avisos contribúen ao éxito destas operacións. A Policía solicita aos veciños a súa cooperación para que alerten aos axentes ante calquera ruído sospeitoso ou ante a presencia dalgunha persoa sospeitosa no entorno.

     

    03 jul 2012 / 16:16
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito