Santiago
+15° C
Actualizado
lunes, 03 junio 2024
15:30
h

Comeza en Ames unha nova edición do programa de Psicomotricidade educativa e preventiva

Preto de100 nenos e nenas de idades comprendidas entre 3 e 5 anos participarán nunha nova edición da actividade de Psicomotricidade educativa preventiva desenvolvida polo Concello de Ames. A actividade realízase nas aulas de psicomotricidade dos colexios CEIP A Maía, CEIP Agro do Muíño e na Escola infantil do Milladoiro. As clases comezan durante a primeira semana de outubro nos tres centros de ensino. Esta xa é a sexta edición deste programa que ten como obxectivo favorecer no neno/a a expresión das súas vivencias, medos e emocións dun xeito espontáneo.

Co programa de psicomotricidade educativa e preventiva búscase traballar a expresividade motriz dos cativos e cativas para mellorar a súa relación co contorno e as condicións do seu crecemento como persoas. Nas sesións trabállase o movemento, a expresión oral e corporal e as manifestacións gráficas e plásticas. Ademais, estas clases tamén están orientadas a que os nenos e nenas se acostumen a respectar aos demais dentro dun grupo sen que teña que haber conflitos. O Concello aposta por axudar aos nenos e nenas a madurar na primeira etapa de escolarización.

Para conseguir iso traballase en grupos reducidos, durante unha hora de duración. Durante este curso hai tres centros de ensino que acollerán as clases de psicomotricidade educativa e preventiva. A EEI Milladoiro e o CEIP A Maía contarán con tres grupos mentres que no CEIP Agro do Muíño seguirá habendo dous. Estas actividades comezaron o día 3 de outubro no CEIP Agro do Muíño onde hai dous grupos (grupo A de 16:15 h. a 17:15 horas e grupo B de 17:30 h. a 18:30 horas). O dia 10 de outubro e a mesma hora a psicomotricista terá unha xuntanza na aula de informática cos pais/nais para darlles información sobre a actividade.

Para os martes quedan as sesión que se imparten no CEIP A Maía que comezaron a impartirse o día 4 de outubro. Neste centro de ensino dividiuse aos nenos/as en tres grupos (grupo A de 16:00 h. a 17:00 horas, grupo B de 17:10 h. a 18:10 horas e grupo C de 18:20 h. a 19:20 horas). O xoves día 6 será a quenda na Escola de Educación Infantil do Milladoiro. O primeiro grupo comezará ás 16:30 a 17:30 h, o segundo ás 17:45 a 18:45 h e o terceiro dende ás 19:00 ata as 20:00 horas. Os dias 4 e 6 de outubro e a mesma hora na que se imparte esta actividades a psicomotricista terá unha xuntanza cos pais/nais para darlles información sobre o programa de psicomotricidade. As listaxes cos horarios están expostas na Oficina Municipal do Milladoiro e na Oficina de Educación e Servizos en Bertamiráns.

Durante a primeira etapa infantil, ata os 6 anos aproximadamente, os cativos adquiren os coñecementos e aprendizaxes dun xeito práctico: a través da súa acción, do seu movemento. O corpo é a canle principal para aprender. Isto é así porque os nenos e nenas ata esta idade, 5-6 anos, atópanse nunha situación de "globalidade", e os avances que fagan a nivel motor van a permitirlle sentar as bases para estar preparados para outros aprendizaxes máis abstractos. Así por exemplo si un neno ou nena non experimenta suficientemente a nivel corporal, xogando, conceptos como arriba/abaixo, dentro/fora, adiante/atrás... será moi complicado que adquira habilidades como a lecto-escritura xa que nelas van implícitos estes conceptos.

Está demostrado que darlle aos cativos a oportunidades para que se movan nun espazo axeitado é favorecer o desenrolo global da súa intelixencia e ofertarlle unhas bases sólidas para futuros aprendizaxes. Cando un neno acada habilidades novas no seu movemento (saltar, trepar, equilibrarse...) experimenta sensacións moi pracenteiras de dominio, autoestima, poder... que lle permitirán sentirse mellor consigo mesmo e polo tanto tamén se sentirán mellor cos que o rodean e seralle máis fácil relacionarse con eles. Para concentrarse nas labores escolares nestas idades as veces tamén resulta complicado xa que os nenos e nenas aínda non teñen o nivel de maduración requirido para elo.

Estimula a creatividade.
A psicomotricidade oferta un espazo preparado para potenciar os descubrimentos e creatividade dos nenos a través dunha dinámica de xogo libre. Movemento, acción, xogo e pracer son as primeiras claves no desenvolvemento motor e psíquico do neno. Tanto os materiais que se poñen a súa disposición, como a organización do espazo e do tempo, a estruturación da sesión... favorecen a maduración persoal e o avance cara a adquisición da identidade persoal.

As principais claves que se buscan con este traballo e que os cativos aprendan a entender e respectar a cada compañeiro; que confíen nas súas capacidades e nos seus recursos. Vai ser el, o mesmo neno, por medio do seu facer, do seu xogar, do seu movemento, da súa expresión... quen nos indique o que precisa, quen nos exprese os seus medos e as súas vivencias.

O obxectivo xeral que se persegue é apoiar e favorecer o desenvolvemento dos nenos e nenas. Outros obxectivos máis xenéricos son favorecer o coñecementos das partes do corpo; permitir a descarga de medos e angustias; tomar conciencia dos demais, das súas necesidades; favorecer o crecemento da autoestima, da autonomía persoal, do pensamento autocrítico, do autocontrol e potenciar a comunicación e o diálogo.


04 oct 2011 / 12:29
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito