Santiago
+15° C
Actualizado
lunes, 03 junio 2024
15:30
h
a estrada

A Fervenza, Franco Grande e Varela, premios San Martiño

O Brado concédelles os premios da lingua ós dous persoeiros da xustiza e das letras e ó colectivo de Ouzande ·· O galardón entregarase o vindeiro xoves 12

    Hai xa case dúas décadas que o galego ten premio na Estrada. A Asociación Cultural O Brando acaba de anunciar os novos nomes que dende este outono pasarán a formar parte da longa lista de persoeiros e entidades da comarca e de Galicia que contan co premio San Martiño de Normalización Lingüística.

    O mundo da xustiza, da cultura e do asociacionismo son os protagonistas desta décimo novena edición. No ámbito galego, o premio outórgase a Carlos Varela García, fiscal xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), pola súa implicación na promoción do galego dende hai anos, "en especial en iniciativas que, con carácter transversal, introduciron o idioma en sectores estratéxicos como o ámbito da xustiza, entre outros moitos".

    O premio a toda unha vida é para Xosé Luis Franco Grande, (Tebra-Tomiño, 1936), escritor e avogado, e un dos promotores da Editorial Galaxia e de múltiples iniciativas de carácter galeguista. Franco Grande, membro da Real Academia Galega, foi ademais autor, entre outras obras, dun dicionario galego-castelán, de 1968, que se converteu en referencia indiscutible nos primeiros anos da recuperación do galego. O San Martiño súmase a outros recoñecementos como o Pondal ou o Nacional de Literatura Rosalía de Castro.

    E no apartado de Tabeirós-Terra de Montes, o premio vai para Ouzande. A Asociación Cultural A Fervenza ve recompensado o seu traballo a prol da cultura, coa lingua como ben irrenunciable e vehículo de comunicación entre as diferentes xeracións de veciños. Os premios entregaranse o vindeiro xoves día 12 ás 20.00 horas nun acto público no teatro Principal.

    . delegestrada@elcorreogallego.es

    31 oct 2009 / 05:21
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito