Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 20 julio 2024
09:49
h

Semana Verde alugará parte das súas instalacións para crear un Centro Equino

O conselleiro de Presidencia e o presidente da Asociación de Criadores de Cabalos Españois de Galicia asinaron esta tarde un contrato para este fin

    O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, e o presidente da Asociación de Criadores de Cabalos Españois de Galicia (Accega), Manuel Benavides, asinaron esta tarde un contrato para o arrendamento das instalacións equinas da Fundación Semana Verde.

    Por primeira vez na historia da Fundación, o recinto feiral de Silleda aluga de xeito permanente parte do seu espazo destinado ás cabalerías, posto que con anterioridade estes alugueiros tiñan un carácter puntual. Segundo recolle o texto contractual, a Fundación cederá en réxime de arrendamento á Accega os boxes equinos existentes no recinto feiral, cunha utilización limitada das pistas de quentamento; e sendo a asociación equina a responsable do mantemento, reparación e conservacións das instalacións e o equipamento obxecto do contrato.

    Ambas partes outorgan preeminencia e prioridade á celebración de feiras e actividades propias da Fundación, polo que en caso de incompatibilidade, as actividades de Accega quedarán supeditadas ás que lle son propias ao recinto feiral.

    Con esta iniciativa, a Xunta continúa a impulsar novas oportunidades de negocio dentro do plan de viabilidade posto en marcha para a Fundación, mostrando unha vez máis o apoio do Executivo galego para garantir a súa viabilidade, contribuír a saneala e avanzar cara o seu autofinanciamento.

    Cláusulas do acordo
    Accega destinará as instalacións arrendadas para a súa explotación como centro equino, co fin de poder desenvolver un picadeiro para a monta de cabalos, unha escola de equitación e todas aquelas outras actividades que considere de interese para os seus asociados, sempre que a Fundación as considere adecuadas para o seu desenvolvemento no recinto feiral.

    Como renda polo aluguer, Accega deberá achegar á Fundación un canon variable de 45 euros mensuais por cada cabalo instalado nos boxes das cabalerías do recinto feiral. Para un período igual ou inferior aos dez días o canon redúcese a 15 euros. A Fundación comprometese a reservar á Accega un número mínimo de 46 cuadras das 92 dispoñibles.

    O arrendamento pactase para a totalidade do presente ano e o ano que vén. Ademais, as partes acordan a renovación tácita para as seguintes dúas anualidades (2013-2014) se ningunha das dúas partes manifestase en contra con anterioridade aos dous últimos meses de vixencia de cada un dos anos.

     

     

    28 sep 2011 / 19:29
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito