Santiago
+15° C
Actualizado
lunes, 03 junio 2024
15:30
h

A Xunta Local de Ames acorda crear unha comisión de coordinación para elaborar o Plan Local de Seguridade

A reunión estivo copresidida polo alcalde de Ames, Santiago Amor, e polo subdelegado do Goberno na Coruña, Jorge Atán // Na xuntanza tamén se acordou intensificar a coordinación en materia de seguridade cidadá

    O salón de plenos da Casa do Concello de Ames acolleu esta mañá a celebración da Xunta Local de Seguridade, convocada co obxectivo de analizar a situación de seguridade cidadá no concello de Ames. A xunta estivo copresidida polo rexedor amiense, Santiago Amor, e polo subdelegado do Goberno en A Coruña, Jorge Atán Castro. Tamén contou coa participación de membros da Garda Civil, Policía Local, e Policía Autonómica.

    Na xuntanza, acordouse a creación da comisión de coordinación técnica para iniciar os traballos de elaboración do Plan Local de Seguridade. Outro dos temas tratados foi a posta en marcha dunha campaña informativa de 'Consellos para a prevención de delitos' realizada en colaboración entre o Concello de Ames e a Garda Civil.

    Ao remate da xuntanza, tanto o rexedor amiense como o subdelegado do Goberno na Coruña coincidiron en destacar a importancia da colaboración e do traballo conxunto para a prevención de feitos delictivos e o esclarecemento dos mesmos.

    O alcalde de Ames fixo fincapé que a seguridade dos veciños e veciñas é unha prioridade para o Goberno amiense. Neste sentido, Santiago Amor subliñou a excelente coordinación que está habendo entre os corpos de seguridade do Estado e a Policía Local e fixo fincapé na importancia da colaboración cidadá, que xa está dando os seus froitos. Nesta liña, lembrou que a semana pasada o aviso dun veciño permitiu deter a dúas persoas cando tentaban roubar no interior dunha vivenda en Bertamiráns.

    Por iso, Santiago Amor aproveitou a convocatoria para reiterar o chamamento de colaboración á cidadanía e apuntou que o Concello, en colaboración coas forzas e corpos de seguridade, non baixa a garda, e seguirá incrementando o seu labor en favor da seguridade veciñal.

    09 jul 2012 / 16:49
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito