49 anos da Revolución dos caraveis | Mário Tomé Capitán de abril

“A efemérede serve para conmemorar a fin da guerra colonial e do fascismo”

Militares portugueses en Niassa, Mozambique. No centro da imaxe, Mário Tomé

Militares portugueses en Niassa, Mozambique. No centro da imaxe, Mário Tomé / Cedida

Fai hoxe 49 anos que capitáns do exército luso sorprendían o mundo democratizando Portugal. O principio da fin do réxime salazarista comezou na madrugada deste 25 de abril do ano 1974, cando os militares partiron ao combate cos ollos postos na paz. Bastou unha mañá para que os 144 capitáns "conspiradores" do Movemento das Forzas Armadas (MFA) lograsen tumbar o “Estado Novo” no golpe de estado máis singular da historia: militares levantados en armas para impoñer a democracia pola forza.

Mário Tomé, o "Major Tomé" (Estremoz, 1940), era un deles, dos poucos que aínda poden contar este episodio en primeira persoa. Tomé, que continúa na loita política como dirixente do Bloco de Esquerda, asiste este venres no Pazo da Peregrina de Bertamiráns a un coloquio convidado polo grupo municipal Ames Novo.

Mário Tomé, máis coñecido como o "major" Mário Tomé, un dos capitáns do 25 de abril de 1979

Mário Tomé, máis coñecido como o "major" Mário Tomé, un dos capitáns do 25 de abril de 1974 / Cedida

Vostede mantén que foi a guerra colonial a que desencadeou o 25 de abril. Que pensa que podería sacar hoxe a xente á rúa?

A xente sae á rúa cando gaña confianza nas súas forzas e cando cre que os obxectivos da súa loita son alcanzables e contribúen a mellorar a súa vida.

O 25 de Abril do 1974, o golpe de Estado dos Capitáns para acabar coa guerra e o fascismo deu alento ao pobo, aumentando a perspectiva dunha sociedade nova que viña sendo defendida pola loita das forzas políticas da esquerda, en especial as que se batían polo socialismo e o comunismo. 

O núcleo fundamental do Movemento dos Capitáns que pasou a ser chamado Movemento das Forzas Armadas tamén colocou o socialismo como referencia primeira, de tal forma que os dirixentes dos partidos da dereita se vían na necesidade de defender publicamente un correcto “socialismo”.

Hoxe os partidos da esquerda histórica manteñen como referencia un “comunismo” desacreditado, ou ben unha socialdemocracia imposíbel na época de total supremacía das finanzas sobre a produción. Participan no teatro de sombras do neoliberalismo e desistiron da construción dunha alternativa socialista que, nos tempos actuais, só pode ser ecosocialista. Sen horizonte e sen utopía, deixaron o radicalismo polarizador necesario para confrontar o capitalismo á extrema dereita. 

Como lembra esas batallas en África? Que aprendeu delas?

O que aprendín coas batalla de África foi a necesidade de encontrar a paz. Para iso fixemos o 25 de abril. 

A mocidade de hoxe comparte a súa preocupación polas desigualdades sociais e os conflictos bélicos?

A mocidade hoxe en día está moi preocupada coas desigualdades sociais e a guerra a pesar da propaganda arrasadora do imperialismo a través dos gobernos lacayos da UE e da prensa capitalista que fomenta a guerra e tenta desacreditar os que propoñen a paz como acontece agora co presidente Lula do Brasil. De aí a necesidade de forzas políticas capaces de polarizar, apoiándose na filosofía, na teoría científica e na política, a loita popular contra o capitalismo e o imperialismo na que se insire a loita pola paz. 

Unha muller introduce un caravel dentro do fusil dun soldado o 25 de abril de 1979 en Lisboa

Unha muller introduce un caravel dentro do fusil dun soldado o 25 de abril de 1979 en Lisboa / Arquivo

Pensa que os novos coñecen a "Revolução dos Cravos" ou paga a pena lembrarlles a efemérede?

Os novos coñecen mal a "Revolução dos Cravos". A escola e a prensa están ao servizo da clase dominante que fala do 25 de abril como o derrubamento do fascismo para a democracia dos negocios. A loita popular contra o capitalismo que marcou o proceso revolucionario foi derrotada o 25 de novembro de 1975 polas mesmas forzas armadas ás que se atribúe o 25 de Abril. A efemérede serve para conmemorar a fin da guerra colonial e a fin do fascismo. O que non é pouca cousa!

É vostede da opinión de que nos dous estados da península ibérica a xente comparte problemas e ilusións?

Os problemas que nos atinxen aos dous estados son os mesmos e cada vez máis a humanidade ten problemas similares, a pesar de particularidades. En canto ás ilusións, sería bo que non tivésemos. Precisamos de coñecemento e utopía, no sentido de referencia de futuro alicerzada nos desexos máis xenuínos de quen traballa: liberdade, equidade, fin da explotación e do sufrimento imposto polo funcionamento atrabiliario do capitalismo ao que chaman progreso. Sen querer ser excesivo, é precisa unha revolución social, que permita á humanidade, aos 99% absorvidos polos Musk, Buffet e Gates e todo o sistema de produción predadora da natureza, construír un mundo novo que permita, como preveu Marx, a integración do ser humano no ciclo infinito da natureza.

Mário Tomé co uniforme do exército portugués na súa mocidade

Mário Tomé co uniforme do exército portugués na súa mocidade / Cedida

Que desgasta máis, o exército ou a política?

A guerra desgasta a quen está obrigado a ela e estimula a quen se beneficia dela. A política, se é unha entrega xenuína á causa pública e ao benestar da xente, non desgasta, entusiasma e paga a pena só por iso.

Saben en Portugal da existencia e da idiosincrasia propia de Galicia máis aló da clásica periferia do estado español? Séntense máis preto dos galegos que do resto de españois?

A miña xente ten un contacto moi estreito co pobo galego, ao que admira pola súa loita e traballo, tan ben retratado por Alfonso Rodríguez Castelao. Eu mesmo estou moi preto dunha familia galega que vive en Portugal e o meu fillo está casado cunha galega. Pero a miña proximidade exprésase en relación a todos os pobos na súa loita pola autonomía, a soberanía e a liberdade como os do Estado español e, en definitiva, os pobos de todo o mundo.

Coñecía antes o Val da Maía, en Ames?

Non, nunca estiven, é a primeira vez que visito Ames, mais vou conmemorar con moita alegría o 25 de abril coa súa xente.