INFRAESTRUTURAS

Ames executa obras por valor de 2,76 millóns en Bertamiráns, Milladoiro e núcleos rurais

Céntranse no acondicionamento de camiños, accesos, beirarrúas e tamén vías interiores

O concelleiro Gustavo Nieto lembra que 2023 “foi un ano de récord en investimentos”

O concelleiro de Obras, segundo esquerda, e o alcalde, cuarto, supervisando unha estrada no rural

O concelleiro de Obras, segundo esquerda, e o alcalde, cuarto, supervisando unha estrada no rural / Concello de Ames

Redacción

O Concello de Ames está a realizar varias obras de mellora de camiños, accesos, beirarrúas e interiores en diferentes núcleos do concello, tanto no ámbito urbano como no rural. O investimento realizado ascende a 2.760.252,72 euros.

No Milladoiro estanse a rematar as obras de pavimentación nas rúas Agro do Medio, Agro da Madalena, Rego e na rúa de Abaixo por un importe de 197.161,73 euros. O proxecto, que forma parte do Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña - POS+ 2022, contempla a mellora da capa de rodaxe das catro rúas. A isto súmanse outras actuacións similares aprobadas anteriormente para mellorar a pavimentación da avenida Muíño Vello. A finalidade destes traballos é mellorar a seguridade viaria de ditas rúas. 

Ampliación da Casa da Cultura

Tamén se están a ampliar as instalacións da Casa da Cultura, cun orzamento de 264.869 euros, incluídos no mesmo plan POS + 2022. As actuacións contemplan a construción de novas estancias para actividades, a habilitación dunha sala de lactancia, a creación dunha vía de comunicación máis directa entre o escenario e a beirarrúa e diversas melloras na zona da cafetería (aseos e almacén propios, ampliación da terraza e construción dun vestíbulo).

Ademais, executáronse as obras de retranqueo da instalación eléctrica existente na parcela do novo CEIP do Milladoiro, situada no lugar de Ventín. Dita actuación, incluída dentro do Plan Ames Progresa 2021-2023, foi adxudicada por un importe de 211.605,71 euros. Actualmente, está pendente a descarga da liña eléctrica por parte da compañía subministradora. 

Proxectos en Bertamiráns

En Bertamiráns, actuarase nas rúas Rosaleda e Muíño e na travesía de Paraxó por un importe total de 154.083,86 euros, incluídos no POS+2022. As actuacións contempladas no proxecto buscan a mellora funcional das estradas e o incremento da seguridade viaria nestas tres rúas. Tamén se están a realizar traballos de ampliación das beirarrúas na Avenida da Maía co propósito de continuar o traballo de humanización da principal arteria de Bertamiráns, por un importe de 298.144 euros. As actuacións previstas están orientadas a conseguir unha mellora estética e funcional e a incrementar o espazo público peonil desta avenida. Ademais das beirarrúas, colocarase baldosa de formigón vibrado e unha capa de xabre. Como elementos de separación co viario incluiranse tamén bordos de formigón prefabricado e as súas respectivas cunetas. 

Obras de mejora de la red viaria municipal de Ames

Obras de mellora da rede viaria municipal de Ames / Concello de Ames

Por outra banda, desde o pasado 11 de marzo, a rúa do Pedregal pasou a dispor dun único sentido de circulación. Esta reordenación do tráfico permitirá gañar máis de 30 prazas de estacionamento. As obras, incluídas dentro do plan Ames Progresa 2021-2023, concedéronse por un importe de 171.016,12 euros

Actuacións no rural

Asemade, o Concello de Ames tamén está a traballar na mellora da rede viaria e outras infraestruturas de varios núcleos rurais. O plan de actuacións inclúe obras de pavimentación na estrada de Castiñeiro do Lobo, na parroquia de Ames,adxudicadas por 233.117,16 euros e que contempla o acondicionamento ao longo de 830 metros para mellorar a funcionalidade e a seguridade da vía. 

Obras en execución no municipio de Ames

Obras en execución no municipio de Ames / Concello de Ames

Tamén se están a desenvolver obras de pavimentación nas estradas de A Garea e Sandar, na parroquia de Agrón, e nos viarios do núcleo de Framil, en Biduído. No caso de A Garea, o proxecto tamén está incluído no POS+2022 e foi adxudicado por 239.766,30 euros. Pola súa banda, as obras de Framil están encamiñadas á mellora das pavimentacións dos viarios e dun dos seus accesos. Este proxecto, incluído no plan POS+2023, foi atribuido por un importe total de 346.420 euros

No relativo á mellora da seguridade viaria, acometéronse actuacións en Pedras (parroquia de Ames) e en Frenza (Tapia). As obras, incluídas dentro do Plan Ames Progresa 2021-2023 e POS+2023, foron asignadas por 128.414,67 euros

Melloras en Ortoño e Biduído

Entre as obras tamén figuran melloras para instalacións deportivas. Na parroquia de Ortoño, o campo de fútbol vai gozar dunha rexeneración que contempla a construción dunha pista polideportiva, outra destinada á práctica da patinaxe e a habilitación dunha explanada para diversos tipos de eventos e feiras por un importe de 268.155,30 €. O proxecto forma parte do POS+2022.

Por outra banda, o antigo campo de fútbol de Biduído vai ser adaptado como campo de lanzamento homologado para a práctica do atletismo por un importe de 247.498,87 euros. Oplan inclúe a construción dun corredor de lanzamento de xavelina e dun círculo de lanzamento de peso, cos seus correspondentes sectores de caída. Ademais, se mellorarán os accesos e os vestiarios da instalación. Tamén se colocará un novo portal metálico de porta corredoira.