Entrevista | Diego Luís Díaz Alcalde de Val do Dubra

“A nivel salarial non está en absoluto recoñecido o labor que fan os alcaldes”

Aos seus 30 anos, o socialista Diego Luís Díaz pode dicir que xa cumpriu un dos soños da súa vida: ser rexedor da súa vila natal

Camiño do primeiro ano á fronte do Goberno local, márcase como obxectivo poder licitar os servizos que presta un Concello que, recoñece, necesita gañar peso comercial e máis vivenda para poder atraer novos veciños

Diego Luís Díaz, alcalde de Val do Dubra, nas instalacións de EL CORREO GALLEGO / javier rosende novo

Diego Luís Díaz, alcalde de Val do Dubra, nas instalacións de EL CORREO GALLEGO / javier rosende novo / susana lópez carbia

Empecemos polo balance destes meses como alcalde...

É unha tarefa complicada, que require de moitísima dedicación, pero traballando conxuntamente o Goberno está facendo esa posta a punto do Concello que viamos necesaria. Estes primeiros meses foron para iso e o balance é positivo.

Goberna en coalición con Anova e vostede é o alcalde porque o PSdeG tivo 66 papeletas máis. Non fai isto máis complicado que poidan cogobernar sen tensións?

Para min, é prioritario darlle estabilidade ao Concello. Loxicamente somos dous grupos diferentes, con posturas distintas nalgúns temas, noutros imos na mesma liña, pero somos conscientes da necesidade de darlle estabilidade a Val do Dubra. Eu, por suposto, non me vou desmarcar diso.

Daquela, non imos ver espectáculos pouco edificantes...

Imos intentar que non se dean espectáculos. Hai que falar as cousas, facémolo habitualmente, ás veces hai diferentes opinións, pero intentamos chegar a un acordo e solucionar os problemas da xente.

Espectáculo xa foi o que se montou recentemente coas filloeiras ou as tabletas que faltaban do Concello... A día de hoxe, sabe se hai material municipal sen localizar?

Realmente non. As filloeiras xa están recuperadas, pero cónstame que hai material que falta e púxeno en coñecemento da Garda Civil, como creo que é a miña obriga. Non digo que o levasen os anteriores gobernantes, pero si que falta.

Dende cando? e por que?

Dende hai moitos anos. Tradicionalmente en Val do Dubra houbo un problema moi importante para controlar o material que está fóra das instalacións municipais. A miña obriga era denuncialo. Sería unha irresponsabilidade non facelo e botarlle terra ao asunto.

Que está sendo o máis difícil de ser alcalde?

Por unha parte, non dar atendido a todas as demandas que a xente fai e, por outra, a lentitude á hora de poñer en marcha a licitación dos servizos que temos. O Servizo de Axuda no Fogar (SAF) está en precario dende hai cinco anos, non temos licitada a subministración eléctrica, nin o mantemento do alumeado público, nin os servizos de conciliación... Está todo en precario e prestándose contra factura.

O primeiro será, entón, licitar os servizos que prestan?

Pois si, empezando polo SAF, que supón uns 400.000 euros ao ano. Para iso necesitamos ter orzamento. E estamos traballando nel.

É impensable que un concello avellentado, como case todos en Galicia, poida chegar a ter problemas co Servizo de Axuda no Fogar...

Temos que asegurarnos de que se poida prestar sen ningún tipo de susto. Para nós é moi importante ter unha empresa con quen ter un contrato e que esa empresa teña unha obriga co Concello. Tamén é fundamental licitar a subministración eléctrica, porque acadaremos unha importante redución do que estamos a pagar pola luz.

Val do Dubra non chega aos 4.000 habitantes. É posible gañar poboación?

Creo que si. Xa está habendo un número maior de empadroamentos de xente de fóra que se está instalando en Val do Dubra e de persoas que traballan en Santiago e buscan a vida natural que ofrecemos. Pero ao igual que todos os concellos, nós tamén temos un problema de vivenda. Hai moi pouco piso en alugueiro e en venda, aínda que hai zonas onde se pode construír. Se foramos quen de ter máis vivenda e a un prezo razoable, Val do Dubra sería un concello espectacular para vivir, moi próximo a Santiago e con todos os servizos.

"Que Val do Dubra perda peso comercial é algo que me preocupa. Fainos moita falta un bar ou un restaurante"

Tamén con comercio?

Iso preocúpame máis que gañar poboación. Ver o comercio pechado dá unha imaxe triste. Que Val do Dubra perda peso comercial preocúpame.

É dicir, que cando abre un bar leva vostede unha alegría?

Pois si... Un bar ou un restaurante. Fainos moitísima falta un restaurante. Será un éxito seguro. Creo que agora van abrir un bar e incluso o hotel, que leva pechado dende agosto. Sería unha moi boa noticia.

En que punto está o proxecto para transformar a antiga canteira de Niveiro nun vertedoiro?

Estamos nun punto moi inicial, pero nós imos traballar para que non haxa vertedoiro. O proxecto ten recoñecida xudicialmente a compatibilidade urbanística, pero a partir de aquí comeza un procedimiento longo. Nós imos pelexar ata o último momento para que non se instale un vertedoiro en Val do Dubra que non nos vai aportar nada nin a nivel medioambiental nin a nivel económico.

Dígame dúas cousas que lles pide á Xunta e á Deputación?

Oxalá a Xunta poña cartos para levar adiante a travesía de Portomouro. Si que temos o compromiso da Deputación para mellorar a travesía de Bembibre.

Como se leva ser alcalde tan novo –ten 30 anos– e gobernar un concello con tanta poboación maior?

Con normalidade absoluta. Para min, é un inmenso orgullo ser alcalde do meu pobo. Son de Val do Dubra e sereino ata a morte.

"A meta política máis importante que tiña era ser alcalde do meu pobo e conseguino con 29 anos"

Só falta que me diga que cando era neno soñaba con ser o alcalde...

Si, si... sendo chaval soñaba con ser alcalde... A meta política máis importante que tiña era ser alcalde do meu pobo e conseguino aos 29 anos.

E cre que se recoñece o labor que fan os alcaldes?

(reflexiona)

A nivel salarial?

Non, a nivel salarial non está en absoluto recoñecido.

E a nivel veciñal?

Os veciños son moi respectuosos. Teño un trato moi bo con eles. En xeral, a xente é agradecida.