ACTUACIÓN

Emilio Rúa trae a súa música ao albergue Bela Muxía

Ofrecerá un concerto o domingo, día 12, a partir das cinco da tarde

O cantautor Emilio Rúa ofrecerá un concerto o domingo no Bela Muxía

O cantautor Emilio Rúa ofrecerá un concerto o domingo no Bela Muxía / Cedida

J. M. Ramos

A música regresa ao albergue Bela Muxía da man do cantautor Emilio Rúa, que ofrecerá un concerto o domingo, día 12, a partir das cinco da tarde. A entrada é de balde ata completar aforo.

Emilio Rúa achegouse ao mundo da música con tan só 7 anos e comezou a súa carreira profesional no grupo Concorde Atenea, formado polo seu pai e os seus catro irmáns. A súa carreira discográfica comeza no ano 2000 e abrangue 12 discos. No seu disco Duetos (2018) 16 artistas nacionais e internacionais cantan a dúo con el: Víctor Manuel, Pablo Milanés, Rozalén, Sole Giménez, Carlos Goñi (Revolver), Carmen París, Josele Santiago e Javier Álvarez, entre outros.

No seu palmarés conta con dous importantes premios nacionais de cantautores en galego: Cantigas de Maio (Ceutí 2004) e Jóvenes Cantautores de Elx (2006). Colabora co audiovisual galego no documental En Son de Paz, na serie da TVG Chapa e Pintura, na longametraxe Pradolongo e en diversos programas da TVG con temas da súa autoría. Compuxo a música para o poema Zara de Anthero de Quental por encargo do Parlamento de Galicia en 2017

O concerto no Bela Muxía está patrocinado pola Xunta de Galicia e coa colaboración da Asociación Galega de Albergues (Agalber) e de Méndez Rojo Adegueiros.