Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 20 julio 2024
09:49
h
CAMPAÑA. O municipio da fin da Terra e o de Corcubión son os dous concellos da provincia que menos nomes teñen rexistrados // Só suman 70 dos 160.000 // A Anchoa é un deles e, segundo Vicente Feijoo, é único en Galicia TEXTO M. Lavandeira

Veciños de Fisterra colaboran na salvagarda dos topónimos

A campaña Toponimizate. Falámosche dos nomes da túa terra chegou este luns, á fin da Terra, Fisterra, co obxectivo de atraer persoas que colaboren na recuperación e difusión da toponimia tradicional a través da aplicación Galicia Nomeada, unha iniciativa compartida da Real Academia Galega e a Xunta de Galicia.

O coordinador técnico do proxecto e do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, Vicente Feijoo, na compaña do alcalde fisterrán, José Marcote, e da técnica municipal de Normalización Lingüística, Pilar García Trillo, mantivo un encontro cun nutrido grupo de persoas que se deron cita no salón de actos da casa do concello e que se brindaron a colaborar na recolleita de nomes de leiras, montes camiños, fontes e pedras do mar para evitar que se perdan.

“Fisterra foi un dos concellos que se tivo en mente na planificación da campaña Toponimízate deste ano porque forma parte dese grupos de municipios galegos que non foron obxecto dos traballos de recolla na época en que estivo activo o Proxecto Toponimia de Galicia (2000-2011). Ademais disto, dáse o feito de que Fisterra e o veciño Corcubión son os concellos da provincia da Coruña con menos topónimos rexistrados na plataforma Galicia Nomeada, con 54 e 16 respectivamente”, asegura Feijoo.

Estes 70 topónimos contrastan cos máis de 160.000 nomes de toda a provincia que se poden consultar na plataforma colaborativa xestionada pola Real Academia Galega, só o 0,04% de toda A Coruña.

“Este feito facía necesaria a nosa presenza no concello fisterrán para procurar a colaboración cidadá na recuperación dos seus microtopónimos e iniciar esta tarefa de salvagarda dun patrimonio cultural inmaterial que ten moita vinculación coa tradición mariñeira e coa xacobea”, engadiu.

Como darse de alta en Galicia Nomeada e como usar a aplicación para rexistrar e divulgar todo este patrimonio foi un dos temas centrais dos que se falou na charla. O acto tamén servirá para corroborar as hipóteses sobre algún dos topónimos peculiares que hai neste concello da Costa da Morte. “A Anchoa é un deles: topónimo único en toda Galicia, segundo a transmisión oral o nome débese a un establecemento de hostalaría da zona da recta de entrada á poboación que tiña por costume dar coa consumición unha tapa de anchoa”, sinalou o coordinador deste proxecto.

Tamén explicou aos asistentes as etimoloxías das súas parroquias e lugares. Algunhas delas son ben coñecidas, como a do propio nome do concello, Fisterra; e outras son moi sorprendentes, como é o caso de Ermedesuxo de Abaixo, “topónimo este que indica ao mesmo tempo unha situación na parte superior e tamén inferior, pois a partícula suxo, que forma parte do primeiro elemento, procede do latín sursum: arriba”, subliñou.

Más adiante, Vicente Feijoo tentará tamén visitar o colexio fisterrán para involucrar tamén aos máis novos nesta tarefa, “pois en Galicia temos nomes con máis de 2.000 anos, que se conservaron a través da oralidade, e que agora non podemos botar a perder”. Moita da información linguística, histórica e cultural “debémoslla aos nomes e é moi importante conservalos”.

NOVOS DESTINOS. Nas vindeiras semanas, a campaña Toponimízate chegará aos concellos de Ortigueira e Allariz. No primeiro caso, O Teatro da Beneficencia da capital de Ortegal é o escenario elexido para desenvolver o relatorio o xoves 20 de outubro ás 11.00 horas. Pola súa banda, no concello ourensán será a casa da cultura de Allariz o lugar onde se falará de toponimia o venres 21 ás 20.00 horas, segundo sinalan dende a Real Academia Galega.

11 oct 2022 / 01:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
TEMAS
Tema marcado como favorito
Selecciona los que más te interesen y verás todas las noticias relacionadas con ellos en Mi Correo Gallego.