Abanca Balaídos será o fogar da ‘Irmandiña’ para o amigable do 31 de maio ante Panamá

A RFGF destacou a importancia do Concello de Vigo e do Celta para levar este encontro á cidade olívica

O novo adestrador da selección, Diego Martínez, preséntase este venres oficialmente

O Estadio Municipal Abanca Balaídos acollerá o amistoso entre a Selección Galega e Panamá

O Estadio Municipal Abanca Balaídos acollerá o amistoso entre a Selección Galega e Panamá / RFGF

O Estadio Municipal Abanca Balaídos será o fogar do Galicia-Panamá do próximo 31 de maio. A RFGF anunciou este xoves que o estadio olívico será testemuña de excepción do regreso da Selección Galega oito anos despois. A casa do RC Celta será a sede que acolla o partido do combinado que dirixe Diego Martínez grazas ao importante apoio do Concello de Vigo e do propio RC Celta. As dúas institucións puxéronse ao dispor da RFGF para a celebración desta cita tan importante para o fútbol galego e amosaron o seu total apoio á Selección Galega no seu regreso aos terreos de xogo.

O obxectivo da Federación é que este partido “sexa de novo un día grande para o noso fútbol, a festa de todo o fútbol galego. Un día histórico no que poidamos sentirnos orgullosos dos nosos futbolistas, dos nosos clubs e do noso deporte en xeral. Contamos cunha excepcional xeración de xogadores que a RFGF confía en poder reunir para esta cita histórica. Un gran elenco encabezados por dous emblemas do noso fútbol, Iago Aspas e Lucas Pérez. Contamos, probablemente, co mellor plantel da historia do fútbol galego. Unha gran selección que confiamos conte cun amplo respaldo nas bancadas o próximo 31 de maio”, sinalan dende a federación.

Enfronte estará unha selección de Panamá que está en claro crecemento nos últimos anos. Disputou o Mundial de Rusia en 2018 e desde entón sempre está entre as mellores seleccións da Concacaf (Centro e Norteamérica). Estivo a piques de clasificarse tamén para Qatar 2022 e agora vai disputar o clasificatorio para o Mundial de 2026, que se celebrará en EEUU, México e Canadá. Recentemente foi semifinalista da Liga das Nacións da Concacaf, perdendo en semifinais con México.

O seu seleccionador é o exfutbolista do FC Barcelona Thomas Christiansen. Español de orixe danés, tamén foi internacional con España e militou en equipos como o Real Sporting de Gijón, CA Osasuna, Real Oviedo, Racing de Santander ou Villarreal CF.

Thomas Christiansen dirixe á selección panameña desde o 2020 e o seu gran obxectivo é clasificar a Panamá para o próximo Mundial de 2026 e facer un gran papel na Copa América que se disputa este verán en Estados Unidos. Unha Copa América verdadeiramente continental na que tomarán parte as dez seleccións da Conmebol (Sudamérica), pero tamén as mellores da Concacaf. Panamá está encadrada no Grupo C con Estados Unidos, Uruguai e Bolivia.

A competición dará comezo o 20 de xuño, polo que o amigable contra a Selección Galega encádrase dentro da preparación dos panameños para a Copa América.

O 20 de maio de 2016 o Estadio de Riazor acollera a volta da Selección Galega absoluta. Venezuela fora o adversario e o partido rematara con empate, 1-1. Máis de 18.000 seareiros gozaran con aquel partidazo.

Uruguai en 2005, Ecuador en 2006, Camerún en 2007 e Irán en 2008 foron os partidos da Irmandiña antes do encontro con Venezuela en Riazor.

Agora, en 2024, a Galicia que dirixirá o técnico Diego Martínez volverá xogar un partido amigable de carácter internacional, de novo contra unha selección americana: a de Panamá.

Ademais, o novo adestrador do combinado galego será presentado este venres pola mañá en Vigo, sacando primeiro unha foto oficial no propio estadio de Abanca Balaídos e falando despois na sede da RFGF da cidade olívica.