Santiago
+15° C
Actualizado
lunes, 03 junio 2024
15:30
h

Feijóo está convencido de que “os que votaron a Bugallo, Estévez e Paco Vázquez non darían ás mareas os gobernos de Santiago nin da Coruña”

“Creo que podemos apoiar a candidatura socialista en Andalucía. Eso para o PSOE é difícil de explicar” // “Os bipartitos contra os que gañan as eleccións os temos que descartar. O PP non debe estar neles”

No 2011 o PPdeG obtivo o 44,84% dos votos en Galicia e 1.996 concelleiros. Que porcentaxe de votos espera para o 24M?

A porcentaxe de votos sempre depende da participación nas eleccións. O que esperamos é que o PP volva gañar tanto en en votos como en concelleiros, deputados provinciais e alcaldes. En consecuencia, aspiramos a seguir sendo o partido de referencia en Galicia e a seguir sendo a forza maioritaria que garanta gobernos estables para os vindeiros catro anos.

Un retroceso sería un fracaso?

Se o PP perdera as eleccións en Galicia, evidentemente sería un retroceso.

Eu falaba de porcentaxes?

En porcentaxes, insisto, non me atrevo a falar porque eso depende da participación. No ano 2011 houbo unha participación non menor e, polo tanto, as porcentaxes van sempre en función da participación. Na miña opinión, a clave é a porcentaxe de participación.

Que horizonte fixan?

Non hai ningunha xustificación, a pesar dos problemas que pode haber a nivel xeral, para que o PP non volva gañar claramente as eleccións. Creo que o desplome que probablemente teñan o PSOE e o BNG non se vai producir no ámbito do PP.

Terá o PP en Galicia mellores resultados que a nivel estatal, en liña coa tradición histórica?

Imos velo. Espero que si.

O PP ten agora alcaldes en tres das sete grandes cidades. Confía en que repitan polo tanto os de Santiago, A Coruña e Ferrol?

O PP vai asumir as decisións dos cidadáns. Neste momento, pensamos que estamos en condicións de gañar as eleccións en cinco cidades galegas. Nas outras imos ver cal é o resultado definitivo. O que non podo asegurar é máis. Podemos ter cinco alcaldes ou podemos ter tres. Non sei exactamente. O que si é certo é que cun sistema electoral normal, homologable, o PP tería un mínimo de cinco alcaldes nas cidades en Galicia.

Menos de tres, xa que logo, dá por feito que non van ter?

Non, non. Digo que creo que estamos en condicións de gañar como mínimo en cinco cidades, é dicir, na maioría absoluta das cidades, que son sete. Se me pregunta se creo que imos ter alcaldes ou non, eu creo que si, que imos ter entre tres e cinco, pero o que non podo asegurar é se a bóla cae na liña cara dentro ou cara fóra, é dicir, a bóla da maioría absoluta. En todo caso, veremos o que fai o PSdeG.

Que pode facer?

De acordo coas enquisas, en Santiago, A Coruña ou Ferrol, o PSdeG está situado entre a terceira e a cuarta forza. Estamos falando de tres cidades nas que o PSdeG tivo maiorías absolutas e foi o partido que máis tempo gobernou en democracia. Non creo que os militantes, simpatizantes e votantes do PSdeG acepten que o partido entregue as alcaldías da Coruña, Santiago ou Ferrol á franquicia de Podemos en Galicia, que se chama mareas. Eso pode axudar a garantir unha maioría ampla e estable do PP.

Nesta ocasión o PPdeG contempla algún tipo de pacto con Ciudadanos para garantir as maiorías alí onde sexa posible?

Veremos a ver se Ciudadanos obtén ou non obtén representación nas corporacións. E tamén se Ciudadanos acepta que goberne o que gañe, porque sería bo tanto para eles como para a democracia e, sen dúbida, para un proxecto de estabilidade. Pero, reitero, o PSdeG se apoia ós alcaldes de Podemos na súa acepción galega de mareas é un partido que pode estar na situación máis crítica da súa historia.

En consecuencia ...

Os cidadáns teñen que saber que hai dúas alternativas. Hai moitos máis partidos que nas anteriores eleccións. Os bipartitos entre socialistas e nacionalistas do ano 2011 en Lugo, Vigo e Ourense romperon na metade da lexislatura en mil anacos. Hoxe en día, os bipartitos serían unha bendición porque tan só serían dúas forzas. Agora estamos falando de catro ou cinco forzas políticas alternativas ao PP. Polo tanto, espero que os galegos nos deamos conta de que hai dúas posibilidades: un goberno estable para catro anos ou un goberno dividido entre catro ou cinco con forzas antisistema, de extrema esquerda e nacionalistas rupturistas. Creo que a xente que votou a Xerardo Estévez e incluso boa parte da xente que votou a Sánchez Bugallo non está de acordo en que o PSdeG entregue esas alcaldías a este tipo de mestura de ideoloxías.

Dá por feito que en Santiago, A Coruña e Ferrol...

Só hai unha posibilidade, ou goberna o PP ou mareas.

Pero nestas eleccións por primeira vez o PP con Ciudadanos tamén podería formar bipartitos, pese a que nos últimos anos vostedes desacreditaron de forma pexorativa esta alianza.

Os bipartitos contra os que gañan as eleccións me parece que os temos que descartar. Polo menos, o PP non debe estar nese tipo de bipartitos. Se o PSdeG gaña as eleccións en Santiago, A Coruña ou Ferrol, o lóxico é que goberne. Nós non imos pactar para quitarlles os gobernos se gañan as eleccións os socialistas. Polo tanto, estamos falando de bipartitos que nada teñen que ver. Propoñemos deixar gobernar ao que gañe. O bipartito, en Galicia, non é que goberne o que gaña senón os que perderon as eleccións contra o partido que tivo o apoio maioritario nas urnas.

Estase esperando, logo, as municipais para resolver o caso de Susana Díaz en Andalucía?

Si. Creo que podemos apoiar a candidatura socialista en Andalucía. Estase esperando, na miña opinión, porque eso para o PSOE é moi difícil de explicar. A presidenta da Junta dixo: "Nunca pactaré nin con el PP ni con Podemos". O PSOE di: "Nunca pactaré ni con el PP ni con Bildu". E o secretario xeral do PSdeG di: "Nunca pactarei co PP". Quere dicirse, en consecuencia, que os socialistas pactarán coa franquicia de Podemos, que é mareas. Por eso digo, que os votantes moderados que durante moito tempo tivo o PSOE, os de Paco Vázquez, Estévez e boa parte dos votantes de Bugallo, non aceptarían que estas cidades tiveran un alcalde antisistema cos votos do PSOE. Imos ver que fai o PSOE. Neste momento o obxectivo do PP é moi claro: pedirlles que reflexionen os votantes do PSOE para conformar uns gobernos estables nas cidades e para non abrir as portas das institucións a aqueles que non cren nas institucións, a aqueles que din que se chegan poñerán todo patas arriba.

alberto núñez feijóo

Presidente do PPdeG

21 may 2015 / 22:01
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito