Santiago
+15° C
Actualizado
lunes, 03 junio 2024
15:30
h

Accidentado Día da Clase Obreira Galega

Ferrol acolle unha xornada marcada pola división sindical e os enfrontamentos // Forcexos entre membros do 15-M e sindicalistas de CCOO // Todos os sindicatos chaman á folga xeral, pero por separado

Baixo un sol de xustiza, o Día da Clase Obreira Galega transcurriu en Ferrol marcado polos incidentes e a división sindical. Á ofrenda floral organizada polo Concello non asistiron nen o BNG, nen a CIG, nen o PSdeG. Os dous primeiros por discrepancias ideolóxicas, os socialistas polo congreso galego. Pero o acto institucional contou cuns convidados sorpresas: membros do 15-M que se encargaron de despregar pancartas nas que acusaban a Toxo e Méndez de "traidores". Os momentos de tensión desembocaron en enfrontamentos entre o movemento 15-M e os sindicalistas de CCOO, que mesmo chegaron a forcexar entre eles (ver vídeos que acompañan esta información).

Como é habitual, dúas manifestacións percorreron a cidade por separado para conmemorar o Dez de Marzal. Únicas coincidencias: a lembranza de Amador Rey e Daniel Niebla, traballadores do naval mortos en 1972 baixo disparos da policía franquista; e as consignas contra a reforma laboral. A partir de aí, medran as discrepancias. CCOO marchou en solitario por un lado cunhas 2.000 persoas, a CIG por outro con 1.000 e a UGT directamente non se manifestou. Na cabeza de CCOO ía o seu secretario xeral, Ignacio Fernández Toxo, moi crítico coa presenza de membros do 15-M: "É lamentable, hai unha falta de memoria por parte dos manifestantes do 15-M, no 72 houbo dous asasinados e 40 feridos e eles non se merecían este espectáculo".

Toxo tamén se referiu á convocatoria da folga xeral para o 29 de marzo contra a reforma laboral: "O Goberno central fai a folga inevitable, nun contexto de recesión o que menos necesita España é o conflicto social, nas mans do Goberno está evitalo". Toxo lembroulle a Mariano Rajoy que "cando el era vicepresidente con Aznar, no 2002 houbo unha reforma laboral que despois se modificou e causou o cese de seis ministros". Na manifestación da CIG, o seu secretario xeral celebrou que CCOO e UXT finalmente tamén convoquen folga o 29 de marzo. Pero segundo Suso Seixo, será moi complicado que a CIG comparta pancarta coas centrais estatais. Seixo destaca que "eles se conforman con modificar a reforma, pero nós estamos radicalmente en contra e queremos tumbala".



10 mar 2012 / 14:03
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito