Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 20 julio 2024
09:49
h
Os mellores, homenaxeados pola USC

A alumna de Medias máis brillante de Galicia: "A educación pública loita cada día contra a precariedade"

Os profesores de centros de ensino medio demandan estabilidade e reivindican que a calidade non baixou "a pesar das trabas constantes" // A nota máis alta da Selectividade (9,96) obtívoa Patricia Martínez Paz, do IES San Rosendo de Mondoñedo // 434 estudantes acadaron unha puntuación definitiva de nove ou superior na parte xeral das Probas de Acceso á Universidade na convocatoria de xuño

Un total de 434 estudantes de Ensino Medio de 169 centros de Galicia acadaron unha puntuación definitiva de nove ou superior na parte xeral das Probas de Acceso á Universidade na convocatoria de xuño. Estas 277 rapazas e 157 rapaces viron recoñecido o seu esforzo este martes pola tarde nun acto que, como cada ano, organiza a Universidade de Santiago (USC). A provincia con máis estudantes avantaxados é A Coruña (188) seguida de Pontevedra (149), Lugo (69) e Ourense (28).

O acto desenvolveuse desde as 18.00 horas no Auditorio de Galicia, e nel o reitor, Juan Viaño, deulle a benvida ao grupo de estudantes encabezados pola alumna coa mellor cualificación (9,96), Patricia Martínez Paz, do IES San Rosendo de Mondoñedo, que interviu xunto co director do IES Río Miño de Rábade, Ángel Lage García. Na súa intervención, Patricia Martínez Paz deulle as grazas á educación pública que, segundo subliñou, "loita cada día contra a precariedade".

No evento, que estivo presidido polo reitor Juan Viaño, o director do IES Río Miño de Rábade (tamén na provincia luguesa), Ángel Lage García, expuxo algunhas das reivindicacións do persoal docente, como unha maior estabilidade en materia lexislativa, e criticou as "constantes trabas" en forma de recortes.

Baixo a lema 'A USC recoñece os froitos dos teus estudos', o auditorio contou con decoración en forma de mazás vermellas e verdes tanto á entrada como na mesa presidencial, no escenario, onde subiron os alumnos en grupos de oito para recoller os seus diplomas.

64% MOZAS E 36% MOZOS

En total, foron 434 estudantes de ensino medio de 169 centros da comunidade, que alcanzaron unha puntuación definitiva de 9 ou superior na parte xeral das probas de acceso á universidade na convocatoria de xuño. O 63,82% son mozas (un total de 277) e o restante 36,18%, mozos (157).

Ademais de familiares dos homenaxeados e de representantes de centros nos que os estudantes cursaron o bacharelato, asistiron os vicerreitores de oferta docente e innovación educativa, de comunicación e coordinación, e de coordinación do campus de Lugo, Roberto Javier López, José Pereira e Javier Bueno, respectivamente; o delegado da USC na CIUG, Jaime Romeu; o coordinador do programa 'A ponte', Luís Hervella; e o secretario do Consello Social, José Banigno Carril.

DISCURSO DA MELLOR ALUMNA

No seu discurso, Patricia Martínez Paz, que estudará Medicina, elevou a educación pública á "ferramenta máis poderosa para cambiar o mundo", en prol dunha sociedade "mellor", máis igualitaria e para loitar contra as inxustizas e buscar o progreso.

"A educación pública debe estar en man de todos e ninguén debe ser privado dela", proclamou, despois de relatar o "particular Camiño de Santiago" que estes estudantes con nota de 9 ou máis en selectividade percorreron até este punto, que "non é o fin, senón o comezo", pois "a curiosidade humana --dixo-- nunca será saciada por completo".

REIVINDICACIÓN DOS CENTROS "PEQUENOS"

Pola súa banda, Anxo Lage García, reivindicou os centros "pequenos", que, "de non existir", farían que os alumnos do medio rural "deixasen de formarse".

Tamén trasladou as súas peticións, en nome dos profesores, ao Goberno central, ao que pediu "diálogo e procura de acordos" que garantan un "futuro estable"; e ao autonómico, para que "actualice" o mapa escolar e "revise" aspectos como a concesión de matrículas de honra nos centros pequenos.

FAMILIAS E VICERREITORES

Ademais dos familiares e representantes de centros de Ensino Medio onde os estudantes cursaron o Bacharelato, asistiron os vicerreitores de Oferta Docente e Innovación Educativa, de Comunicación e Coordinación, e de Coordinación do Campus de Lugo, Roberto Javier López, José Pereira e Javier Bueno, respectivamente; o delegado da USC na CIUG, Jaime Romero; o coordinador do Programa ‘A Ponte’, Luis Hervella; e o secretario do Consello Social, José Benigno Carril.

Os mellores, na USC
O pasado ano, dos 342 estudantes cunha nota de nove ou superior nas probas de acceso á Universidade, 174 matriculáronse en titulacións da USC, tanto no Campus de Santiago como no de Lugo. En concreto, estudaron este curso os graos de ADE, Política e da Administración, Química, Medicina, Psicoloxía, Historia, Veterinaria, Filosofía, Historia da Arte, Mestre de Primaria, Bioloxía, Odontoloxía, Economía, Xornalismo, Comunicación Audiovisual, Dereito, Lingua e Literatura Moderna, Filoloxía Clásica, Enxeñaría Química, Enfermaría, Física, Matemáticas, Farmacia e Lingua e Literatura Inglesa, Española e Galega.

01 jul 2014 / 19:24
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito