Economía e Industria aposta pola modernización das prazas de abastos
A directora xeral de Comercio, Nava Castro, participou esta tarde na presentación dunha campaña de revitalización dos mercados impulsada pola Federación de Prazas de Abastos de Galicia
A directora xeral de Comercio da Consellería de Economía e Industria, Nava Castro, participou esta tarde en Bueu na presentación dun programa de accións para a revitalización, a modernización e a unidade das prazas de abastos impulsado pola Federación de Prazas de Abastos de Galicia (FEPRAGAL).
Nava Castro salientou a aposta de Economía e Industria pola modernización do comercio de proximidade, na que é un eixo fundamental a consolidación das prazas de abastos como líderes na venda do produto fresco. É por iso que desde a consellería que dirixe Javier Guerra se está a desenvolver unha estratexia integral de apoio aos mercados galegos.
Cincuenta centros comerciais abertos e 21 prazas de abastos van poder implantar melloras gracias á resolución de axudas presentada esta semana, incluída no Plan Ágora-Agora re-Comercia, que está dotada con preto de 3 millóns de euros. Ademais desta medida, desde a Dirección Xeral de Comercio impulsáronse numerosas iniciativas, entre as que cabe salientar Este inverno presume de praceiro, orientada á recuperación da imaxe dos mercados; a liña de axudas aos Concellos destinada a remodelación das zonas de desenvolvemento do comercio de proximidade, e o Portal do comerciante, con presenza nas redes sociais, capaz de achegar aínda máis as prazas de abastos ao cliente.