Santiago
+15° C
Actualizado
lunes, 03 junio 2024
15:30
h

A Escola Infantil de Ferrol estará equipada con cociña, comedor e lavandería

O centro educativo terá unha superficie útil de máis de 730 metros cadrados e no mesmo escolarizaranse 82 nenos/as. Cada aula do edificio, de planta única, disporá de zona de xogos, hixiene e descanso. O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, agradeceu o apoio da Xunta de Galicia para poder dotar á cidade deste novo centro educativo, así como a decisión da Fundación Amancio Ortega de investir arredor dun millón de euros na construción e equipamento do inmoble.

    A nova escola infantil de Ferrol, que se levantará nunha parcela de propiedade municipal situada nos lindes dos barrios de Esteiro e Recimil –en concreto nun predio que se atopa na rúa Ramón e Cajal, detrás dun centro da Terceira Idade, e que agora está ocupado por un parque de educación viaria- disporá dunha superficie útil de 734,21 metros cadrados, dun total de 843,27 metros cadrados construídos. O novo centro, que será de titularidade pública, suporá un investimento de arredor dun millón de euros por parte da Fundación Amancio Ortega, e construirase nunha única planta que albergará as diferentes aulas para os nenos de 0 a 3 anos. O inmoble estará equipado cunha serie de servizos a maiores como vestíbulo, zonas de espera, almacén de carritos, despacho de dirección e salas de profesores, aseos adaptados, cuarto do lixo, lavandería cociña ou sala de usos múltiples (zona de xogos, comedor e hixiene) entre outros. 

    O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela; a conselleira de Traballo e Benestar Social, Beatriz Mato; e a vicepresidenta da Fundación Amancio Ortega, Flora Pérez, asinaban o pasado mércores o convenio de colaboración para a construción deste escola infantil de Esteiro, unha vella demanda que atenderá ás necesidades en materia educativa de 82 familias da cidade naval. Segundo se recolle no proxecto básico elaborado pola Fundación Amancio Ortega, cada unidade de escolarización –que estarán diferenciadas entre as destinadas a nenos/as de 0-1 anos; de 1-2 anos e de 2-3 anos- contará con cadansúa zona de xogos, de hixiene e de descanso. Outra das características máis salientables que terá esta nova escola infantil de Ferrol dun espazo de xogos exterior cuberto de 155,81 metros cadrados, ao que se suma outros patios semicubertos cunha extensión total de 77,18 metros cadrados. 

    A dotación dunha nova escola infantil para o municipio é posible despois de que o actual goberno que preside Jose Manuel Rey Varela conseguirá por a disposición da Xunta de Galicia os terreos necesarios para construción do inmoble. Un requisito imprescindible que o executivo ferrolán cumprimentou nos primeiros cen días do presente mandato, desbloqueando deste xeito unha cuestión que levaba máis de tres anos estancada. Jose Manuel Rey insistiu hoxe en que esta escola infantil “satisface unha vella demanda da cidadanía ferrolá e ven a cumprimentar a rede de escolas infantís que temos na cidade”. Neste sentido, o rexedor ferrolán agradeceu o compromiso da Fundación Amancio Ortega e da Xunta de Galicia con Ferrol, a primeira por “investir por primeira vez na súa historia en Ferrol e neste equipamento de carácter social e educativo tan necesario”, e ao Goberno de Alberto Núñez Feijóo, “por amosar dende o primeiro momento o seu interese en que Ferrol contará cunha nova escola infantil, que se enmarca dentro das políticas autonómicas e locais de fomento da conciliación da vida familiar e laboral; e que, ao mesmo tempo, supón un apoio á familia e á natalidade”. 

    Rede pública de escolas infantís 

    A nova escola infantil de Ferrol, unha vez construída, pasará ao Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, organismo dependente da Consellería de Traballo e Benestar Social. Polo tanto, este centro educativo será público, de xestión compartida entre a Administración galega e a ferrolá, e formará parte da Rede de Escolas Infantís A Galiña Azul. 

    26 sep 2012 / 13:12
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito