Santiago
+15° C
Actualizado
lunes, 03 junio 2024
15:30
h
PROFESOR DE DIDÁCTICA E ORGANIZACIÓN ESCOLAR DA USC

Lois Ferradás: "Un único adulto con 25 nenos nun espazo cinco ou seis horas é un maltrato"

A de onte foi a primeira xornada de colexio nas vidas de 21.000 cativos de 3 anos en Galicia. Ou anaco de xornada, porque as escolas arrican o curso nesta idade cun período de adaptación que aumenta progresivamente as horas de clase. Lois Ferradás, mestre de mestres de Educación Infantil, advirte que é unha medida necesaria para facilitar que os pequenos se familiaricen cun novo contexto, lamenta, demasiado distinto das escolas de 0 a 3 anos.

Ata que punto é para un neno de 3 anos un cambio brusco a incorporación ao colexio?

Para os que saen por primeira vez da casa é un salto bastante grande, é evidente, pero tamén o é para os que chegan da escola infantil de primeiro ciclo, aínda que neste caso seguro que é máis levadeiro. Non debería ser un cambio tan drástico, pero é un cambio de ambiente, estilo, materias...

Deberían parecerse máis as aulas de 3 anos dos colexios ás das escolas infantís?

Por suposto. As de 3, 4 e 5 anos.

Por que? Que cambia nelas que non debería mudar con respecto á etapa anterior?

Os nenos destas idades necesitan moverse, experimentar cos obxectos e descubrilos, precisan facer cousas xuntos, tamén estar sos, pero sobre todo necesitan experiencias de primeira man.

E o cole non promove iso?

Nas nosas escolas primarias abunda demasiado o traballo sobre o papel, coa representación das cousas. Iso é necesario, pero é o paso seguinte, non o primeiro. O primeiro teñen que ser as experiencias directas e a experimentación. O traballo principal dos nenos é xogar, porque co xogo desenvolven todas as súas capacidades de representación, de linguaxe, de descubrir. Por iso os contextos escolares menos lúdicos e máis ríxidos distáncianse das necesidades dos nenos e nenas. Pero é verdade que as circunstancias nas que os profesores traballan non facilitan o que digo, porque 25 nenos cun único adulto nun único espazo durante 5 ou 6 horas [ao día] é un maltrato.

Estás mal deseñados os coles? Faltan zonas verdes? Axudan, por exemplo, as hortas que cada vez se cultivan en máis centros?

Sen dúbida. É bastante absurdo e alarmante que os nosos fillos estean tanto tempo encerrados e tanto tempo de aquí para alá en buses. Deberían estar máis tempo nos espazos exteriores para facer actividades que implican a motricidade global, estar en contacto coa luz natural, co sol, co aire. Nisto os países nórdicos, en condicións moito máis dífíciles, dannos unha lección. Os escolares saen todos os días ao exterior, aínda que neve, ben abrigadiños. Este é só un exemplo, os espazos escolares deberían ser máis diversos, non debería haber un único espazo para toda a xornada e para todo tipo de actividades.

Critica tamén que haxa 25 nenos por aula. Cal pensa que é o número ideal?

As ratios son un dos puntos clave para a calidade, aínda que non o único, e aí estamos retrocedendo moito. Segundo informes internacionais, unha boa ratio sería a metade de alumnos por aula que os 25 actuais. Permitiría responder dunha forma individualizada ás necesidades de todos os nenos e nenas.

Os primeiros días de colexio poden ser duros. Cando hai que empezar a preocuparse se o cativo segue a chorar cada mañá?

O mellor é afrontar a situación de forma tranquila, falando tamén cos profesores. Os nenos son diferentes e depende das súas experiencias anteriores e da súa personalidade, deberiamos darlles tempo. Algúns adáptanse nunha semana, pero no caso dos de 3 anos en 15 días todos deberían ser capaces de ir á escola tranquilamente, de familiarizarse con ela, de establecer relacións de confianza, de ter polo menos un amigo entre os compañeiros e de sentirse seguro na relación coa profesora ou profesor.

E na casa, que se pode facer para facilitar esa adaptación?

Hai comportamentos que axudan. Por exemplo, prever as horas suficientes de descanso, entre 8 e 10 horas de sono (...). Os [bos] hábitos axudan a facer as cousas con menos esforzo e máis seguridade.

11 sep 2014 / 13:06
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito