Santiago
+15° C
Actualizado
lunes, 03 junio 2024
15:30
h
DENUNCIA DA MESA

"Obríganlle a retrasar" a operación a un paciente no Sergas por escoller o galego

No Hospital Miguel Domínguez de Pontevedra, solicitáronlle que asinase unha serie de documentos "pero cando o paciente os pediu en galego dixéronlle que non tiñan documentación en galego"

    A Mesa pola Normalización lingüística denuncia "un novo caso de discriminación lingüística" no Sergas, no que, supostamente, un paciente "foi obrigado a atrasar a súa operación" por escoller utilizar o galego.

    Segundo o relato da organización en defensa do idioma, o paciente foi derivado dende o Sergas ao Hospital Miguel Domínguez de Pontevedra, onde tiña que facerse unhas probas médicas para un preoperatorio o 5 de febreiro.

    No hospital solicitáronlle que asinase unha serie de documentos "pero cando o paciente os pediu en galego dixéronlle que non tiñan documentación en galego", asegura A Mesa.

    "O propio paciente informoulles de que a SXPL --Secretaría Xeral de Política lingüística-- tiña un servizo de asesoramento lingüístico e un acordo co Sergas polo que se comprometía a traducir este tipo de documentación nun máximo de 30 minutos", apunta.

    Non obstante, censura que "tras realizar unhas consultas, a empregada do Hospital Miguel Domínguez lle indicou que se non asinaba os documentos en español tería que marchar e esperar na súa casa a que enviasen a documentación á administración da Xunta e esta devolvésella traducida, co conseguinte atraso nas súas probas e operacións". "O paciente non renunciou os seus dereitos lingüísticos e finalmente foi iso o que aconteceu, tras cubrir a pertinente folla de reclamacións", subliña.

    Este novo caso, para A Mesa pola Normalización lingüística, "deixa en evidencia a pouca efectividade da medida, e que das declaracións de boas intencións á concreción na realidade dos feitos hai un treito ben grande que a Xunta que preside Núñez Feijóo nunca está disposta a percorrer".

    O colectivo critica o "inadmisible intento de coaccionar os cidadáns para que non poidan exercer os seus dereitos lingüísticos legalmente recoñecidos, xogando cun tema tan sensible e fundamental como a saúde das persoas".

    A Mesa puxo o caso en coñecemento da Consellería de Sanidade e da Secretaría Xeral de Política lingüística, "sen obter polo momento ningunha resposta".

    04 mar 2013 / 20:12
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito