Santiago
+15° C
Actualizado
lunes, 03 junio 2024
15:30
h

A profesora Elena Vázquez Cendón, nova decana de Matemáticas da USC

Acompañarana no seu equipo os vindeiros catro anos as profesoras Rosana Rodríguez López como vicedecana, e Beatriz Pateiro López como secretaria

A profesora titular de Matemática Aplicada da USC, Elena Vázquez Cendón, vén de ser elixida decana da Facultade de Matemáticas da USC. Acompañarana no seu equipo os vindeiros catro anos as profesoras Rosana Rodríguez López como vicedecana, que asumirá a coordinación do grao en Matemáticas e os dous dobres títulos, e Beatriz Pateiro López como secretaria e responsable dos programas de mobilidade.

Elena Vázquez, que substitúe no cargo á profesora Victoria Otero Espinar, formúlase tres máximas para o seu mandato: gratitude, colaboración e compromiso estratéxico coa xestión do tatento, “que para nós é o compromiso coas persoas”. Esta encomenda, asegura, “recibímola como un proxecto colectivo de todas as persoas que conformamos a Facultade de Matemáticas, por ser as xeradoras dos logros xa acadados e dos proxectos e retos por desenvolver”.

Os novos graos, a mobilidade, a colaboración con outros centros de investigación e organismos oficiais ou o estímulo das vocacións matemáticas son algún dos retos para a nova decana, que considera importante “trazar conxuntamente un plano estratéxico”, entendido como unha ferramenta “ que nos permita identificar fortalezas, feblezas e definir obxectivos e accións para acadalos con eficiencia”.

Elena Vázquez Cendón
A nova decana, que ten acreditada a súa experiencia de xestión como vicerreitora de estudantes da USC entre 2002 e 2006, desenvolve o seu labor docente na USC dende 1989, primeiramente na Escola Universitaria de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas do campus de Lugo e logo no de Compostela, en Óptica e Optometría, na Escola Técnica Superior de Enxeñaría e nas Facultades de Matemáticas, Química e Física. Na actualidade é docente no grao de Enxeñaría Informática na ETSE e no máster en Matemática Industrial na Facultade de Matemáticas, do que é coordinadora xeral.

Forma parte do grupo de investigación en Enxeñaría Matemática coordinado polo profesor Alfredo Bermúdez de Castro, director da súa tese de doutoramento, e a temática da súa liña investigadora ten diferentes ámbitos de aplicación. Actualmente é investigadora principal xunto co profesor da USC Jerónimo Rodríguez do proxecto ‘Métodos numéricos eficientes en dinámica de fluídos e interacción fluído-estrutura. Aplicacións á enerxía e o medio ambiente’.

Publicou 28 artigos científicos en revistas do JCR e outros 25 documentos científicos que conxuntamente superan as 3.200 citas no seu perfil público no Google Académico, cun índice h de 19. Ademais, é editora de tres monografías e autora de dous libros.

Liderou tres proxectos de investigación, dous contratos con institucións e empresas e participou noutros once proxectos e cinco contratos. Formou parte dos comités científicos e/ou organizadores de vinte actividades de investigación, sendo a ´coordinadora do Congreso internacional Numerical Methods for Hyperbolic Equations: Theory and Applications en honra ao prof. E.F. Toro.

Forma parte da Sociedad Española de Matemática Aplicada dende a súa constitución, da Asociación Galega de Investigadores da Auga e da Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica DivulgACCIÓN. Como membro da Comisión profesional da Real Sociedade Matemática Española é co-autora do documento ‘Saídas profesionais dos estudos de matemáticas’ presentado en xuño do 2007. Actualmente forma parte da Comisión de Mulleres e Matemáticas da RSME.

Elena Vázquez Cendón é tamén coordinadora xeral, dende xullo do 2014, do programa de Estímulo do Talento Matemático (ESTALMAT-Galicia) para nenos e nenas de 12 a 15 anos en Galicia, membro do Instituto de Matemáticas da USC e investigadora adscrita ao Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial.

12 jun 2017 / 18:28
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito