Santiago
+15° C
Actualizado
lunes, 03 junio 2024
15:30
h

Valentín García: "A Lomce non rebaixa nada a calidade do ensino en galego"

O secretario xeral de Política Lingüística respecta a opinión do presidente da RAG, partidario de recorrer a norma, dado que ten "toda a lexitimidade" para posicionarse

    O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, defendeu este martes que a Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa (Lomce), máis coñecida como 'Lei Wert' e que este mércores explicará o ministro de Educación no Congreso dos Deputados, "non rebaixa para nada a calidade do ensino" en lingua galega.

    Neste sentido, preguntado ao respecto en rolda de prensa, asegurou que nesta norma a lingua galega pasa a ser unha das "materias clave" que é "necesario aprobar" para ascender de curso.

    Por iso, considera que o texto do Goberno central "non só recoñece" a posición das linguas cooficiais "en igualdade de condicións" en todo momento, senón que "deixa claro o rango" do idioma propio de Galicia con ese apuntamento, co que "se"pode estar ou non de acordo".

    Sobre as declaracións do presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, que se mostraba partidario de recorrer a Lomce, García recoñeceu que "ten toda a lexitimidade do mundo para posicionarse", e que dende o Goberno galego se respecta as súas opinións, aínda que non coincida con elas.

    García avogou por esperar a ver se co tempo coñece "mellor" a norma. "E veremos que é o que decide facer a Real Academia Galega", sinalou.

    "NON E DE APLICACION"

    O responsable galego de Política Lingüística opinou tamén sobre o artigo da norma que permite o pagamento do colexio en castelán se non se garante a escolarización neste idioma, para aclarar que aínda que é unha medida que suscita "certa polémica en Cataluña", esta casuística non se dará "nunca" en Galicia.

    García argumentou que a comunidade galega conta coa súa "propia normativa", o decreto que regula as linguas no ensino, que "xa garante" que tanto castelán como galego son vehiculares na educación e que os mozos adquiran unha competencia equilibrada en ambos os dous idiomas.

    "Polo tanto ningún pai ou nai ten unha base de aplicación normativa solida para alegar que os seus fillos non adquiren competencia de lectoescritura en castelán", explicou. "Non trae nada novo ao noso sistema xurídico normativo", conclúe.

    21 may 2013 / 16:52
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito