Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 20 julio 2024
09:49
h
homenaxe

Cambados pecha as celebracións do cincuentenario de Cabanillas

O vindeiro luns 9, data na que se cumprirán cinco décadas do pasamento do Poeta da Raza, terán lugar senllas ofrendas florais no Panteón de Galegos Ilustres e en Fefiñáns ·· Un acto poético lembrará, xa á tarde, a obra e a figura do autor

O vindeiro luns, 9 de novembro, cumpriranse cincuenta anos do pasamento en Cambados de Ramón Cabanillas. A programación cultural do Concello de Camábados foi enchendo todos os meses do ano de actividades en lembranza do poeta, desde que se iniciou en xaneiro coa conmemoración da estrea de A ofrenda das Fadas no Portal de Belén hai 65 anos, pasando polas máis de 30 actividades que se celebraron durante o verán, incluídas as grandes exposicións do Pazo Torrado con varios milleiros de visitantes. Para pechar as celebracións deste Ano Cabanillas, e coincidindo coa data xusta do seu cincuentenario, o consistorio cambadés ten prevista a celebración de dous actos de homenaxe. Ambos os dous terán lugar o vindeiro luns 9 de novembro. O primeiro será ás 12 da mañá, no Panteón de Galegos Ilustres, na igrexa de San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela. Alí unha comisión do Concello de Cambados e representantes da familia Cabanillas colocarán senllas coroas de flores na tumba do poeta. Durante este sinxelo acto interpretará dúas pezas musicais o violonchelista Carlos Ariel e lerán poemas os académicos Francisco Fernández Rei, membro da comisión organizadora do Ano Cabanillas, e Salvador García Bodaño, un membro da Mocidade Universitaria que hai cincuenta anos portou o féretro de don Ramón. Actuará como mestre de cerimonias o profesor Fernández Rei. Para asistir a este acto sairá un autobús de Cambados ás 10.15 horas para conducir a Santiago a delegación cambadesa. Cando o autobús retorne a cambados, arredor das 14.00 horas, procederase a realizar outra ofrenda floral no cemiterio de Fefiñáns, lugar onde o Poeta da Raza foi soterrado hai cincuenta anos.

Xa ás oito do serán (20.00), no Auditorio da Xuventude, en Cambados, celebrarase o acto titulado Escrito hai xusto cincuenta anos. Esta actividade consistirá na lectura de textos escritos hai cincuenta anos en honra de Ramón Cabanillas polos máis destacados intelectuais galegos do momento. Haberá interludios musicais e proxección de imaxes. Fecharase o acto coa declamación do poema Pobriña da tola, de Ramón Cabanillas, por Marisa Chaves, a histórica actriz teatral cambadesa, quen xa conseguiu emocionar o propio Cabanillas hai máis de cincuenta anos.

A clave

Voces no Auditorio da Xuventude

·· Entre os convidados que lerán textos no acto que se celebrará no Auditorio da Xuventude, presentado por Ricardo Oliveira, figuran Ramón Vidal, en representación da familia; Rosa Vilas, directora da TVG; o escritor Emilio Xosé Insua; e o alcalde cambadés, Luís Aragunde, entre outros .

07 nov 2009 / 01:16
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito