Santiago
+15° C
Actualizado
lunes, 29 julio 2024
19:16
h
pan e coitelo

Golpe contra Obama

    O día que derrocaron a Zelaya en Honduras, o embaixador de EEUU en Tegucigalpa continuaba a ser o que designara Bush. As anteriores administracións estounidenses trataban os poderes fácticos dos países latinoamericanos como subordinados. Os golpes de estado cociñáronse sempre nas embaixadas, e este tamén, porque nun país tan pequeno, sería imposíbel organizalo sen o visto e prace da embaixada. Barack Obama non estaba ao tanto. Aínda despois do golpe, Hillary Clinton non quixo aclarar ante a prensa cal era o goberno lexítimo. A continuación Obama condenou o levantamento, obrigado pola súa recomposición estratéxica, que rexeita os golpes de estado e as vellas maneiras da CIA. No entanto non retirou o embaixador, talvez para non contradicir excesivamente aos vellos amigos das oligarquías bananeiras nin á propia CIA.

    Ou hai un desaxuste entre Obama e parte da súa diplomacia, ou hai un envite contra o mesmo emperador, unha advertencia doutros poderes do estado, republicanos, da extrema dereita, dispostos a plantarlle cara ao negrito que non entende nada de nada (o novo ministro de exteriores hondureño dixit) e xogarlle a partida por detrás, á maneira das que lle disputaron a John Kennedy.

    Que se está a xogar en Honduras? A consolidación de Obama, sen dúbida. Fállalle a diplomacia e talvez a CIA, aínda que manda na prensa. Tocou a formar e os medios occidentais cambiaron o discurso: xa non importaba que Zelaya fose chavista, que se quixese reelIxir, nin que fose formalmente o Parlamento o que aprobase a súa destitución. Apenas apoian o golpe a CNN latinoamericana e o latifundo mediático hondureño.

    As democracias avanzadas de Suramérica xóganse máis. Ensaiar con éxito unha fórmula multinacional para expulsar do poder os militares hondureños sería un grande salto do Sur como espazo xeoestratéxico. Un paso que faría irrepetíbeis os ensaios fascistas auspiciados por Washington. Implicaría someter as oligarquías bananeiras á autoridade dos pobos.

    07 jul 2009 / 00:23
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito