San Simón coroa a Rosa Aneiros
A escritora recibiu onte nun acto celebrado na illa da ría de Vigo o Premio Xerais de Novela, con 'Sol de Inverno', e o Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, con 'Ás de bolboreta' ·· Jacobo Fernández Serrano, Premio Merlín por 'Mil cousas poden pasar. Libro I'
A moi literaria illa de San Simón, epicentro tamén da memoria da barbarie, acolleu onte a entrega dos Premios Xerais, Merlín e Fundación Caixa Galicia. Por vez primeira nestes galardóns, o Premio Xerais, que celebraba a súa XXVI edición, e o Fundación Caixa Galicia, xa pola IV edición, recaeron na mesma autora, a escritora e xornalista Rosa Aneiros.
Despois da súa última deliberación, o xurado do Xerais, dotado con 25.000 euros, acordou por maioría declarar gañadora a novela presentada co lema O retorno das aves, e o pseudónimo Píllara que, despois de aberta a plica, resultou ser de Rosa Aneiros e corresponderse co título Sol de Inverno.
Na novela gañadora do Premio Xerais 2009, desde a ventada e afastada aldea de Antes, unha voz narrativa en segunda persoa vai reconstruíndo unha vida e a dunha familia cun intenso pouso de lirismo que atravesa todo o relato. O xurado sinalou que "esta é unha longa novela que emociona, unha novela comprometida, densa, que se arrisca cun tema xa tratado e que sae indemne para debuxar o periplo vital dunha fascinante personaxe que, desde os trece anos que ten ao comezo, se move baixo o motor da paixón: Inverno. Inverno, que é a protagonista, habita, empuxada polos designios da historia, diversos escenarios que nos conducen desde a perdida aldea de Antes -nada máis que trinta lumes a comezos de 1936- a Barcelona, para relatarnos a crueldade da guerra; e logo ás circunstancias do exilio en Francia, ao emblemático Ipanema que viaxa con destino a México; ao longo exilio cubano -onde nos atopamos coa emigración e cos descendentes dos cimarróns-; á revolución castrista; e mesmo á viaxe a un París marcado polos estudantes do maio do 68. Sen dúbida, a narración responde ao pulso da historia, pero tamén á rebeldía dos seus personaxes na defensa dos ideais e da xustiza".
O Premio Merlín de Literatura Infantil dotado con 10.000 euros distinguiu a novela presentada baixo o lema Papude que agochaba a autoría de Jacobo Fernández Serrano e correspondía ó título Mil cousas poden pasar. Libro I.
Jacobo Fernández (Vigo 1971) é ilustrador, pintor, debuxante e comiqueiro, cunha ampla e recoñecida traxectoria como autor. Segundo o xurado, en Mil cousas poden pasar. Libro I, "o autor proponlle ao lector un xogo no que se nos decidimos a entrar a ceibar sen límites a imaxinación, calquera cousa pode xa acontecer". Coa escusa inicial da procura dun agasallo de aniversario para o submarino rei dos tritóns, a narración leva o lector ao encontro dunha serie de personaxes insólitos e á sucesión de situacións imaxinativas e disparatadas nunha cidade onde todo é posible, onde o excepcional é o cotián, o surrealismo é o normal e o absurdo se converte no lóxico.
. cultura@elcorreogallego.es
CAMIÑOS
As vidas cruzadas e as bolboretasO xurado da IV edición do Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros, recoñeceu a novela titulada Ás de bolboreta de Rosa Aneiros. O xurado aconselloulle á editorial a publicación da novela presentada baixo o lema Dragal. A novela de Aneiros desenvólvese no bar de Patricia, situado nunha encrucillada de rúas en Santiago de Compostela, o quilómetro cero onde conflúe cada un dos camiños que transitan os máis de quince personaxes. Para o xurado "Ás de bolboreta presenta unha estrutura non xerarquizada, dividada en breves capítulos onde calquera parte está conectada con todas as demais, un crebacabezas de pezas engarzado do mesmo xeito que se engarzan as vidas dos personaxes" .
NO ACTO
MúsicaNo acto de entrega dos galardóns, presentado por Celia Torres, coordinadora dos premios, participou o dúo de zanfonas Sobre rodas.
Mantedor
Agustín Fernández Paz actuou como Mantedor do acto lendo o dicurso Oito doas para San Simón. O escritor Fernández Paz sinalou que "a nosa forma de participar na cultura da humanidade é desenvolvendo a cultura galega".
Proxectos
Pechou o acto de San Simón Manuel Bragado, director da editora, que anunciou algúns dos novos proxectos da editorial entre os que destacou a apertura da Biblioteca Dixital Xerais, onde se recollerán contidos electrónicos educativos e os primeiros e-books da editorial .