Opinión | NEGRO SOBRE BRANCO

Velutinas, previr para exterminar

DADO QUE AS VELUTINAS son unha praga, non son especie propia da Terra, nen sequera de ningún lugar de Europa, crin que o obxectivo diante dunha especie invasora e potente sería facela desaparecer ou poñerlle todos obstáculos imaxinábeis para lle dificultar ben a súa vida entre nós. E, non obstante, observamos que en lugar do exterminio programado, actúase fronte a elas como se fosen parte dunha peregrinaxe un pouco incómoda, iso si.

Permitímonos considerar que reciben por parte dos responsábeis de pragas un trato amigo porque despois de tantos anos aínda se está implementado algo parecido a un plan de exterminio. Retirar niños, en palabras dos entendidos, é un parche. É como se diante da outra praga que veu de China –a covid– as actuacións consistisen en retirar da vista e da circulación aos afectados (bon, como é sabido, en realidade houbo alguén que fixo iso cos anciáns). No momento presente, fronte á necesidade de actuar contra as velutinas é tan nidio o que cómpre facer, que semella deplorábel que non se leve a cabo. En novembro último celebrouse en Chantada un Congreso de Apicultores galegos coa participación de colegas procedentes doutros lugares do Estado. Concluíron que é preciso cambiar o uso que se lle dá aos fondos destinados ao combate da praga xa que en lugar de eliminación e control realízanse labores de retirada de niños previa chamada dos cidadáns afectados. 

A primeira velutina rexistrada en Europa foi en 2004 en Francia, e medio morta deu orixe –comparten a mesma linaxe– á poboación hoxe existente e detectada en 11 países de Europa (entre eles os da Península Ibérica) así como as de Corea e Xapón. A procedencia chinesa daquela medio morta que chegou en barco a Francia e o feito de se tratar dunha raíña fecundada explican non só a importancia da praga importada, senón tamén a diana de raíña fecundada, para ser albo do exterminio. É desa diana da que trataron os apicultores xa que como é ben sabido a apicultura galega é crianza dun tipo de gandería con produción vizosa de mel, pole, cera, xarope real, propóleo e veleno. 

Da reunión de Chantada destacan dúas propostas forza encamiñadas a demandar accións por parte da Xunta. Unha, a de trampeo selectivo, parece que se ensaiou nos últimos días do conselleiro do Medio Rural cesado, sr. González: inaugurou en Porto do Son un prototipo de trampeo selectivo pero non nos consta que se teña instalado en todo o país. E a segunda proposta forza dos apicultores, que consiste na captura de raíñas moito antes de ser poboados e activados os niños existentes, parece que se está pensando. Insisten os apicultores que de non se tomar a serio a prevención realizada todo o ano, como persecución implacábel de raíñas, a desaparición da velutina é unha ilusión. Os feitos até agora realizados en campaña de verán non son eficaces para a protección do sector apicultor e os necesarios que son coñecidos son inabordábeis pola iniciativa privada: de aí a necesidade de emprego eficaz dos fondos públicos ao longo de todo ano.