Santiago
+15° C
Actualizado
lunes, 03 junio 2024
15:30
h

O Castelao do século XXI

    As urnas do 21-O agasallaron a Xosé Manuel Beiras -ecce homo do nacionalismo das catacumbas, que o desbaldiu até facer imposible a convivencia baixo o mesmo teito político- coa súa vitoria máis agridoce. O líder máis carismático, con Manuel Fraga, que deu a autonomía, o sucesor de Castelao no imaxinario nacionalista, foi o segundo gran protagonista -despois de Feijóo, quizais o primeiro gobernante europeo que resiste os zarpazos da crise cunha maioría absoluta aínda máis sólida que a do 2009- da noite na que Galicia dinamitou ao PSdeG e ao BNG, dous dos tres grandes partidos. Os votos dos galegos situaron a coalición liderada por Beiras como terceira forza, mesmo por riba do Bloque, malia que a oferta electoral de Alternativa Galega de Esquerda se cociñou ás presas e correndo, fundamentalmente entre os irmandiños e EU. Só a abraiante personalidade do catedrático que primeiro analizou o atraso económico de Galicia, do político atípico que non sabe nada de guerras de aparatos e si moito de escoitar o pobo e de sintonizar cos seus problemas e coas súas esperanzas, só a maneira de ser do Beiras, a verdade que transmite, ou sexa, explica o seu éxito electoral, eivado por non conseguir o seu obxectivo primeiro: que as urnas permitisen conformar unha maioría de cambio. Escribiu Xosé Luis Barreiro, no comezo da campaña, que sentía envexa dun galego que regresaba á primeira liña, aí onde silban as balas, cando o ten todo para se dedicar á contemplación e á vida relaxada, coa súa magnífica biblioteca, co seu piano, cos seus amigos e coa súa muller Aurichu, o seu alter ego, na súa fermosa casa da Rebo­raina. Pero o Beiras éche moito Beiras. Para empezar, é un galego comprometido co seu país, que predica co exemplo e que cre nun exercicio ético da política. Quédalle por diante unha longa e complicada tarefa: convertir a coalición electoral coa xente de Yolanda Díaz nunha plataforma sólida, nesa Syriza galega capaz de airear o Parlamento con novas formas, novas propostas, novas ilusións. Hai quince anos, o Beiras fixo do BNG a segunda forza na Cámara do Hórreo. Volve o Castelao do século XXI e podemos asegurar que non vai quedar mudo e que pola súa boca falará sempre o pobo.

    22 oct 2012 / 00:03
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito