Santiago
+15° C
Actualizado
lunes, 03 junio 2024
15:30
h
bágoas de crocodilo

Calidade e universidade

    Lembrado sexa cos meus máis fondos respectos para os sentimentos relixiosos de cada quen, Jaume Perich cría que a Igrexa serve para resolver unha serie de problemas que non existirían se non existira a Igrexa. O pensamento do xenial humorista, ao xeito da pescada que morde na cola, resulta aplicable a unha manchea de actividades da vida. Por exemplo, aos procedementos de avaliación, moi de moda na universidade española de hoxe, orientados a demostrar que a calidade dunha titulación en filoloxía hebraica pódese mensurar e aínda avaliar en virtude do rigor e a sistematicidade dos procedementos que a fan posible. Ao final, cando un equipo humano se ve sometido á presión dun sistema certificado, comeza a proer a incómoda, e por demais teimuda, sensación de que, en realidade, se traballa máis para cumprir cos preceptos dunha dinámica formal ata a extenuación que para garantir a eficiencia do produto, a calidade do cal poderíase ponderar, tal vez, sen tanta complicación. Pero, en tempos en que semella lexítimo formular en qué termos a filosofía de Sócrates resulta rendible ou tecnoloxicamente transferible, parece tamén non existir inconveniente algún en certificar a calidade dunha prestación universitaria igual ca a dun refresco de cola ou dun queixo do Cebreiro. Creo, non obstante, que a obsesión pola calidade, pandémica na universidade española contemporánea, é moi mala para a calidade, sobre todo cando tanta esixencia asenta nunha autognose invariablemente negativa. Levando a auga ao meu terreo déixeme, prezado lector, dicirlle algo. En todos os países que, científica e academicamente, xogan na primeira división, as editoriais universitarias son garantía de prestixio, rigor e calidade. Lembremos, apenas, que un libro, digamos, de «certa» trascendencia (A galaxia Gutenberg, de Marshall MacLuhan) foi orixinalmente publicado por unha university press, a deToronto. En España, onde é paradgimático que o ladrón pense que todos son da súa condición, ocorre exactamente o contrario: para as axencias de avaliación e acreditación, as editoriais universitarias son modelos de amiguismo e ausencia de control e as editoriais académicas privadas (nas que, de costume, se paga por publicar) son exemplo de transparencia, seriedade e profesionalidade.

    Nos catro últimos anos, dous libros publicados polas prensas universitarias de Compostela foron editados en inglés por dúas grandes editoriais académicas multinacionais, Wiley e Springer. Pero, en España, nin a evidencia é neutral.

    EDITOR E ESCRITOR

    11 sep 2015 / 20:42
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito