Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 20 julio 2024
09:49
h
pan e coitelo

O embaixador en Tel Aviv

    Sobre o xenocidio israelí na franxa de Gaza dixo Rodríguez Zapatero: "Algúns non se mollan, nós si". Esta afirmación encerra dúas mensaxes. A primeira é que declarar contra Israel ten consecuencias indesexadas, aínda que o seu exército estea aniquilando nenos e anciáns con bombas de fósforo, e aínda que a declaración proceda dun estado relativamente forte no escenario mundial. A segunda é que fronte á indiferenza dos estadistas europeos Zapatero considera moi útil dicir iso nun mitin, mentres o ministro de exteriores suaviza ante Israel esas palabras, que só son palabras e que polo tanto lévaas o vento.

    Serven, iso si, para colocar contra as cordas o Partido Popular, que permanece en silencio, suponse que outorgando. Segundo Gustavo de Arístegui, responsábel de política internacional, o PP tense pronunciado máis dunha vez de "maneira equilibrada e responsábel" e Rajoy manifestouse tamén noutras ocasións "contra a situación en Oriente Medio". Manifestarse contra as situacións é tan absurdo como facelo contra as nubes porque chove. As situacións confórmanas os protagonistas, pero o PP nunca condenou a actuación xenocida de Israel.

    Máis miolo ten o da maneira equilibrada e responsábel de Gustavo de Arístegui. Comunícanos que o seu partido se coloca na equidistancia, no lugar moderado, que é o das persoas responsábeis, e que por iso non fai declaracións estes días.

    O termo medio é un concepto aristotélico que serve para determinar o equilibrio das accións humanas fronte aos extremos, e que moitas veces na política pasa de matute. Por exemplo, cando Cánovas del Castillo, líder conservador e inspirador ideolóxico do PP defendía a escravitude, o termo medio non era o daqueles que equidistaban entre el e os moi minoritarios abolicionistas, dicindo que a escravitude tiña unhas cousas boas e outras malas, senón que estaba precisamente nos abolicionistas. Tampouco agora está en Zapatero, que fala dos amigos israelís para equilibrar a carga, senón nos que exixen a retirada do embaixador en Tel Aviv e a suspensión das exportacións de material militar a Israel.

    13 ene 2009 / 00:14
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito