Santiago
+15° C
Actualizado
lunes, 03 junio 2024
15:30
h
A MANDALA

A matemática Industrial existe

    FAI OITO ANOS, ao día seguinte de participar nunha rolda de prensa sobre emprendemento social, os xornais que contaron a nova en castelán eliminaron emprendimiento, aparecía iniciativa no seu lugar. Asumín que o fixera mal, e para aprender consultei á xornalista Noa Díaz, que me deu a clave: non existía no dicionario da RAE. Púxenme entón en contacto co actual presidente da RAE, Darío Villanueva, quen liderou a iniciativa de presentala e despois do preceptivo debate na RAE, existe. Xa posta a aprender emprendemento, consultei ao meu admirado Manuel Bermúdez, do Servizo de Normalización Lingüística da USC, en galego existía de seu ao existir emprender. En castelán naceu polos feitos que precederon á palabra.

    Matemática Industrial é un concepto acuñado internacionalmente, tamén avalado inicialmente polos feitos. O sabor que algúns lectores están a asignarlle pode resultar unha incógnita, por parecer que non maridan as palabras que o conforman. As colleitas que producimos e exportamos desde Galicia son enxertos entre diferentes vides de coñecemento que hai máis de 30 anos, o gran mestre de Matemática Aplicada da USC, Alfredo Bermúdez, comezou a cultivar proporcionando solucións a problemas ambientais nas rías galegas e, no ámbito internacional, no proxecto do transbordador espacial Hermes. Esta vides, que crecen no equipo que el conformou, e logo tamén enraizaron nos dos seus discípulos José Durany na Uvigo e Carlos Vázquez na UDC, danlle a Galicia unha denominación de orixe en Matemática Industrial, na área de Matemática Aplicada.

    Apostouse tamén por sementar formando profesionais en Matemática Industrial. Fai agora dez anos, implantouse Máster en Enxeñaría Matemática, outorgado polas tres universidades galegas a sete promociones. Este título supuxo o inicio do Proceso de Bolonia na Facultade de Matemáticas da USC. Fai catro anos, ao sumarse as universidades Carlos III e Politécnica de Madrid, transformouse no Máster en Matemática Industrial (M2i, www.m2i.es), que inicia a cuarta edición. A coordinación do M2i, que teño a encomenda de liderar, o equipo docente, as empresas colaboradoras, técnicos, egresados e estudantes seguimos producindo anadas. Cada unha co seu sabor, e cos sinais de identidade do coñecemento, o traballo e a colaboración, apostando pola fidelización dos e das egresados.

    O Instituto Tecnolóxico en Matemática Industrial comparte concepto. É un consorcio no que participan as tres universidades galegas, liderado pola compañeira da USC Peregrina Quintela, quen deu conta dos seus froitos hai uns días. Formamos parte do Itmati investigadores adscritos, colaboradores e persoal contratado de Matemática Aplicada, Estatística e doutras especialidades, xunto cun bo equipo de xestores. É unha canle de transferencia para colaborar coa Industria 4.0.

    Este concepto existe ao demostrar, pola lei dos feitos, que xera coñecemento e emprego. Con él brindamos por unha boa colleita de saberes no novo curso.

    Profesora de Matemática Aplicada-USC

    12 sep 2016 / 20:27
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito