Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Outras pandemias na Galicia. A varíola

Para facernos unha idea do arco temporal, o faraón Ramsés V (1147-1143 ac.) foi o primeiro caso documentado desta enfermidade que, segundo a OMS e só no s. XX, foi a responsable de máis de 300 millóns de mortos. Mais, porén, e como todos ben sabemos, Galicia si tivo, e moito que ver coa Real Expedición Filantrópica da Vacina (1803-1806). Un virus, o da varíola, que nos acompaña desde o neolítico e que documenta o seu último brote en Somalia, en 1977, sendo a primeira e única enfermidade infecciosa, xunto coa poliomielite, dada por erradicada en todo o mundo, ata o día de hoxe.

A varíola e a Real expedición Filantrópica da vacina, na que os nenos orfos galegos e a enfermeira de Parada (Ordes), Isabel Zendal, foron protagonistas de excepción, supuxo o primeiro caso de vacinación a gran escala de continente a continente, atravesando os dous grandes océanos e chegando a China e ás Filipinas. Toda unha proeza histórica. Pero dous son os persoeiros que practicaron a inoculación antes, en terras galegas: o médico católico irlandés, Timoteo O’Scanlan, pioneiro nesta práctica no Real Hospital da Mariña de Ferrol, e o betanceiro, Antonio Posse Roybanes, ambos moi esquecidos. Non foi un camiño doado. Abonda con botar un ollo polas hemerotecas da época para darse conta da cantidade de detractores nos inicios desta técnica. A palabra vacina provén da raíz latina vacca, da varíola vaccinae, a varíola da vaca. E a palabra varíola do latín varus, coa súa forma de diminutivo feminino medieval, variola, para referirse a unha pequena pústula o verruga sobre a pel. O médico inglés, Edward Jenner inspirouse na técnica de inoculación oriental e nunha das leiteiras do seu pobo, que se infectaban ao muxir as vacas, pero non desenrolaban a variante humana da varíola. Coa publicación, en 1798, de “An Inquiry into the causes an effects of Variolae Vaccinae...” nacería a vacina con linfa de varíolas vacúas. A variolización consistiu en inocular pus ou líquido das pústulas para provocar unha inmunización contra a enfermidade. Ante as dificultades para conseguir nenos reservorios da vacina e as negativas para acadar voluntariamente cativos, forzouse a súa cesión nas inclusas. Sabemos os nomes da maior parte dos 22 nenos que embarcaron na corveta María Pita. Cinco deles procedían da Inclusa do Real Hospital de Santiago: Juan Francisco (9 anos), Juan Antonio e Francisco Florencio (5 anos), Gerónimo María (7 anos) e Jacinto (6 anos); catro eran de Madrid e trece do Hospicio da Coruña, dos que case a metade, seis, só tiñan tres anos. A miúdo, abandonábanse con algún distintivo, que tamén quedaba por escrito no Libro de rexistro de Expósitos, coa finalidade de que nun futuro puidese ser recoñecido pola súa nai. Todo se anotaba, xunto coa a súa partida de bautismo e o seu nome, ás veces posto polo propio crego. Unha última nota figura na ficha destes nenos galegos: “el 11 de octubre de 1803 lo llevó el médico Francisco Balmis para propagar la vacuna en la América”. (Libro de Rexistros de Expósitos de A Coruña e Santiago, mayo de 1800-febreiro de 1802). A orde real era clara: “Por el cual solicita que todos los niños Expósitos de la Inclusa de este Real Hospital, de la edad de cinco a ocho años, que no hubiesen pasado las viruelas, se presenten a efecto de escogerse los que convengan por D. Francisco Xavier de Balmis para la expedición del Vacuna de que está nombrado director por S.M. (...) para que se haga saber a los encargados de su lactancia y cría, que se presenten inmediatamente con los que no hubiesen pasado las viruelas, y que de hecho dicho director pueda escoger aquellos que tenga por conveniente para el desempeño de su misión”. (AUS. Serie General, 785, leg. 20)


A vacina inoculábase de neno a neno, de brazo a brazo, por parellas, por se un dos cativos puidera ter un triste final e non verse na obriga de interromper toda a expedición. Que curioso! que sexan outros os que eloxien semellante feito na historia: México, lembrando a galega, Isabel Zendal, no seu Premio Nacional ao mérito en Enfermería, e os propios contemporáneos estranxeiros, como o mesmo, Edward Jenner, que envía unha carta o 22 de novembro de 1806 ao seu amigo, o Reverendo Mr. Dibbin. Na misiva, confesa ao Reverendo a preocupación polo movemento antivacinas, capitaneado por Mosely, de quen di na carta: “My dear, Sir” (...) the pen of Mosely, I am confident, has slain more than the sword of Bonaparte” (a pluma de Moseley, estou ben certo, leva matado máis que a espada de Bonaparte), sinalando que debera perseguirse o seu libro como antídoto para o seu veleno “it should pursue Mosely's book in all directions, as an antidote to its poison”. Pero, o máis interesante é o que lle comenta ao seu interlocutor postal. Acaba de recibir o Suplemento da Gazeta de Madrid, e ten nas súas mans o documento máis revelador, que confirma o éxito da vacina: a expedición española que, saíndo da Coruña, está vacinando a medio mundo (Lembremos que dous meses antes, Balmis chegaba a Madrid, en setembro dese mesmo ano). Informa que enviará ao Reverendo, copia do Suplemento, xunto coa súa tradución, e cualifica a Expedición cunhas palabras que tamén darán a volta ao mundo, aínda que por estes lares teñamos que lembralas: “I don't imagine the annals of history furnish an example of philanthropy so noble, so extensive as this”. (“Letter to Rev. Mr. Dibbin of 22 November 1806”, California State Journal of Medicine 12, nº. 5, May 1914, p. 172). O xeógrafo e naturalista alemán, Alexander von Humboldt, referirase en 1825 a Expedición, como a máis memorable en todos os anais da historia: “über die Expedition geschrieben haben, sie werde die denkwürdigste in den Annalen der Geschichte bleiben” (“Balmis according to Humboldt”, Vacunas, 20, nº2, July, 2019, pp. 84-88). E o historiador canadense, William McNeill, profesor da Universidade de Chicago, nunha publicación en 1976, Plagues and Peoples, compara esta iniciativa altruísta da Expedición, instruíndo aos médicos e barbeiros locais na técnica para erradicar a varíola, coa guerra bacteriolóxica levada a cabo en 1763 polo Comandante Xeral das forzas británicas en América do Norte, Lord Jeffrey Amherst. O comandante mandou repartir mantas infectadas con varíola entre os indios e nativos, segundo revela o intercambio de cartas co seu subordinado, o coronel Henry Bouquet. Tamén é certo que tivemos voces críticas ao preguntarse que fixo España pola ciencia. Masson de Morvilliers, nun polémico artigo publicado na Encyclopédie méthodique de 1782, uns vinte anos antes da Expedición, retrata, baixo a entrada “Espagne”, a nación máis ignorante de Europa. Quen de precisar permiso dun frade para ler e pensar, quen de prohibir un libro, só porque o seu autor sexa protestante. De doada consulta na rede, incluída a súa tradución: “Chacun médite des conquêtes qu’il doit partager avec les autres nations; tous brûlent d’une généreuse émulation pour le progrès des sciences & des arts! Chacun d’eux, jusqu’ici, a fait quelque découverte utile, qui a tourné au profit de l’humanité! Mais que doit-on à l’Espagne? Et depuis deux siècles, depuis quatre, depuis six, qu’a-t-elle fait pour l’Europe?” A súa morte, en 1789, impediulle ser testemuña da maior xesta sanitaria feita na historia. A entrada na Enciclopedia, nunca se modificou.


Grazas ao traballo de investigación dos xornalistas, Antonio López e Joaquín Pedrido, cunha serie de artigos no xornal, La Opinión, identificouse a esta enfermeira galega e coñecemos un pouco mellor todo o que rodea a súa figura. Quedan incógnitas por resolver desta reitora da casa de Expósitos da Coruña e que eles mesmos xa formulan: “¿qué circunstancias propician que Benito, hijo natural, pase a ser Benito Vélez, hijo adoptivo?, ¿cómo consigue, sin proceso previo de selección, el puesto de rectora?, ¿la Isabel Gómez, que, según el censo de 1794, trabaja de criada en casa del enfermero del Hospital Real es la misma Isabel de la Expedición o lo es Isabel Cenda, criada de Jerónimo Hijos, el mayor magnate de A Coruña?”(La Opinión, 20/11/2014). Esta extraordinaria galega, nai solteira, pérdeselle a súa pista, xunto co seu fillo en Pobra dos Anxos, México, onde a súa sepultura nunca se atopou. Esta heroína foi a única muller da expedición filantrópica da vacina e a primeira enfermeira da historia en misión internacional. Así o recoñece México, dando o seu nome ao premio nacional de enfermería desde 1974.

A expedición non remataría con Balmis dando contas en Madrid, axeonllándose e bicando a man de Carlos IV, o 7 de setembro de 1806, aínda que esta é a data oficial de remate, senón que o resto da súa expedición chegaría de volta a Acapulco en agosto de 1807. Non hai constancia de que todos puideran ou quixeran chegar ata España. A bo seguro, Isabel volveu neste segundo grupo das Filipinas. Pouco antes de partir, nunha carta datada o 30 de xaneiro de 1806 e dirixida ao ministro, José Antonio Caballero, Balmis comunica que xa dispuxo o necesario para que o resto de expedicionarios, que quedaran nas Filipinas, puideran volver a México: Luego que mis compañeros concluyan sus viajes deben regresar en la Nao de Acapulco y devolver a sus padres los 26 Niños mexicanos. Os 26 nenos que foron ata Manila non foron fáciles de conseguir, porque en América houbo que recurrir a familias, que ademais viron de primeira man o trato que se lles dou aos “galleguitos”: “(...) mandó el virrey colocar los veinte y un niños galleguitos en el Hospicio de pobres, confundiéndolos en la miseria y asquerosidad de los mendigos, y ocupando los de mayor edad en concurrir alumbrando en los entierros. Y como este hecho escandalizó a todo el reino, me hubiera sido imposible llevar la vacuna a Filipinas por falta de niños, que si a los gachupines los había puesto el Virrey en el Hospicio, que podían esperar ellos”. (Archivo General de la Nación de México. Virreinal, Epidemias, Expediente, 007, Caja 3916). As razóns polas que non todos os integrantes volveron a España son unha incógnita. A ocupación napoleónica na península e as sucesivas guerras de independencia ou emancipación dos virreinatos americanos non axudarían. A subexpedición de América do sur dáse por concluída coa morte de Salvany en 1810, e esta é a verdadeira data de remate da expedición, máis alá do acto protocolario de 1806. Con esta iniciativa, España deixou a súa pegada máis humana, científica, altruísta e filantrópica da historia, como pioneira e precedente das modernas campañas de vacinación masiva, onde unha galega, reitora da Casa de Expósitos da Coruña, e uns nenos galegos na súa maioría, foron parte imprescindible desta xesta. Con estas palabras o propio Balmis describe o seu traballo: "La rectora, con el excesivo trabajo y rigor de los diferentes climas que hemos recorrido, perdió enteramente su salud; infatigable noche y día, ha derramado todas las ternuras de la más sensible Madre sobre los 26 angelitos que tiene a su cuidado, del mismo modo que lo hizo desde La Coruña y en todos los viajes, y los ha asistido enteramente en sus continuadas enfermedades".(“Informe de Balmis a José Caballero”, Macao, 30 enero de 1806, Archivo General de Indias, AGI, Indiferente General, IG, 1558-A, f. 4r-v). Dos nenos orfos galegos, dos “galleguitos” que cambiaron de continente nuns meses e que salvaron a medio mundo, non todos correron a mesma sorte. Sabemos que en 1809 dous morreran, catro estudaban na Escola Patriótica, seis foron adoptados por comerciantes, outros por algún crego, médico e director dun colexio, e o resto a cargo dos hospicios. Deixo para o seu interese persoal a súa pescuda e consulta no Consejo mexicano de Beneficiencia. Non me quedan moitos folgos para escribir deles. O silencio, ás veces, enche mellor os ocos.

26 ene 2021 / 00:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito