A organista Montserrat Torrent actúa con 96 anos en San Paio de Antealtares

O concerto desta veterana música e docente, é ás 20 horas de hoxe, de balde ata encher as localidades

Montserrat Torrent / A. Bofill

Montserrat Torrent / A. Bofill / Redacción

Redacción

O mosteiro de San Paio de Antealtares acolle hoxe ás 20 horas o concerto executado pola organista máis veterana do mundo, a catalana Montserrat Torrent, nada en Barcelona en 1926, dentro do ciclo Música en Compostela. Esta profesora emérita e Premio Nacional de Música en 2021 iniciouse na música da man do mestre Enrique Granados, instrutor tamén da nai da organista, Ángela Serra. Agora San Paio recibe a súa música, nun evento de balde con entrada libre até completar a capacidade do local.

Montserrat Torrent fundou en 1962 a asociación Amics de l’Orgue (Amigos do Órgano), unha entidade cuxo obxectivo foi o de divulgar a música executada con este instrumento e ao mesmo tempo promover a conservación de órganos históricos. Alén disto, Torrent colaborou con Ars Musicae, grupo barcelonés dedicado á interpretación a través de criterios históricos.

O traballo pioneiro de Montserrat Torrent non quedou aí e, na década dos anos setenta, foi unha das impulsoras da renovación do órgano, naquela altura en decadencia a causa da situación de posguerra. Nese momento, tocar o órgano sendo muller “significaba nadar a contracorrente”, din dende a súa contorna.

Agora, con 97 anos, o resultado da súa acción, o seu legado “é enorme” e son innumerables os órganos que tocou ou os discípulos e discípulas aos que formou.

A Cruz de Sant Jordi ou o doutorado Honoris causa son outros dos recoñecementos desta veterana organista que logo de Compostela tamén visitará Basilea (Suíza) e Carnac (Francia), durante o mes de agosto; Vilafranca del Penedès e Getafe en outubro; e Grottaglie (Italia), no mes de novembro, ademais de ofrecer en setembro unha clase maxistral no Meso da Música de Barcelona.

A Fundación

Montserrat Torrent dálle nome a unha fundación dedicada á súa figura e ao seu labor como música e como recuperadora de órganos históricos. Un destes instrumentos, e proxecto estrela da fundación, foi a reconstrución do órgano da igrexa San Felipe Neri, de Barcelona, que foi destruído durante a Guerra Civil española. Un instrumento recuperado en parte durante 2021 e por completo en 2022 e que leva o nome de Montserrat Torrent, en recoñecemento do padroado da fundación ao labor desta docente, conservadora e artista.