A fotógrafa que amosou Galicia ao mundo, Ruth Matilda Anderson, entra no Álbum do Consello da Cultura Galega

"Construíu a documentación máis completa que unha persoa estranxeira erguera nunca sobre o noso país", explica Vitor Vaqueiro

A fotógrafa Ruth Matilda Anderson

A fotógrafa Ruth Matilda Anderson / Cedida

Redacción

Corría o ano 1921, cando a Hispanic Society encomendou á fotógrafa Ruth Matilda Anderson o labor de viaxar á Península Ibérica para desenvolver un traballo de documentación baseado, nomeadamente, no fotografado do traxe tradicional e outras manifestacións da cultura material galega.

Precisamente a historia desta fotógrafa americana e o seu legado entra agora no Álbum de Galicia, a colección de biografías dixitais do Consello da Cultura Galega (CCG), nunha entrada asinada por Vitor Vaqueiro.

Se se suman as diferentes estadías da fotógrafa en Galicia, suman case ano e medio, un período no que Anderson "construíu a documentación máis completa que unha persoa estranxeira erguera nunca sobre o noso país", explica Vitor Vaqueiro.

"As cidades e vilas, o traxe, a arquitectura tradicional e relixiosa, o traballo artesanal, os mercados e feiras, o mar, a vida mariñeira e a labrega, os vendedores ambulantes, os oficios, os interiores pacegos, as largacías visións da paisaxe, o retrato das xentes, a festa tradicional” son algúns dos temas tratados nas fotografías.

Álbum de biografías

O Álbum de Galicia foi presentado en xaneiro de 2022 polo Consello da Cultura Galega, unha unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa.

O obxectivo é dar visibilidade e perspectiva de conxunta a todos aqueles que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia.

Así, o legado de Ruth Matilda Anderson únese as máis de 680 entradas, como as de Gustavo Pernas Cora, Hijas de Galicia, Inocencio Schmidt de las Heras ou Afonso O Sabio, X de Castela e IX de León-Galicia.