Máis de 500 persoas beneficiáronse do programa de préstamo de bicicletas da USC en tan só oito días

Maioritariamente son estudantes os que realizaron os preto de 1.000 desprazamentos entre o luns 15 e o mércores 24 de abril

A metade dos movementos déronse na estación da biblioteca Concepción Arenal

O servizo funcionará ata xuño

Dúas universitarias observan as bicicletas depositadas na estación da biblioteca Concepción Arenal, a que rexistra maior movemento

Dúas universitarias observan as bicicletas depositadas na estación da biblioteca Concepción Arenal, a que rexistra maior movemento / Jesús Prieto

A Universidade de Santiago puxo en marcha o pasado luns 15 de abril o programa piloto éBici, para o préstamo de 20 bicicletas eléctricas e convencionais á comunidade universitaria, co fin de promover a comunicación sostible entre o campus norte e sur. Trátase dunha iniciativa na que colabora o Concello, ofrecendo 6 bicicletas, catro delas eléctricas, e co pintado e sinaléctica para crear as zonas de preferencia ciclista.

O mércores 24, último día ata o que a USC ten recopilados datos, eran 533 as persoas dadas de alta na aplicación. Cifra que este venres, en palabras do xerente da institución, Javier Ferreira, se situaría preto das 550. “A avaliación para nós é extraordinariamente positiva. Estamos sorprendidos do éxito do programa no que vai dende que se puxo en marcha”, apunta en conversa con EL CORREO.

Maioritariamente son estudantes os que utilizan o servizo. En concreto, representan o 84%. A porcentaxe de persoal de administración e servizos (PAS) alcanza o 6%; o persoal docente e investigador (PDI), o 5%, e o persoal investigador queda no 3 por cento.

Máis en detalle, percibiuse un “uso intenso” por parte dos estudantes de Medicina, os cales teñen a facultade no casco histórico e teñen que desprazarse para realizar as súas prácticas no hospital.

En canto ao uso por xénero sitúase no 53% en homes e 47% en mulleres. No estudantado, a porcentaxe é máis equiparable, un 50-50. Un dato que o xerente valora como “moi positivo”.

En referencia aos desprazamentos, rexistráronse preto de 1.000, “habendo días con ata 100 desprazamentos diarios”. 

O plan comezou con catro estacións de recollida e depósito, as cales dispoñen dun código QR, iluminación nocturna e videovixilancia: en Filoloxía, Odontoloxía, biblioteca Concepción Arenal e Hospital Clínico. “Practicamente o 50% dos movementos parten ou chegan á Concepción Arenal, no campus sur, e o resto repártense equitativamente entre os outros tres puntos”, relata Javier Ferreira.

Das 20 bicicletas, 10 son eléctricas. Polo de agora, Ferreira asegura que non se poden aumentar, tendo en conta o número de estacións fixadas. “En cada punto poden colocarse dez e hai que ter en conta a mobilidade”, apunta, ao que engade: “Aumentou o interese polas eléctricas, pero estanse a utilizar ambos modelos practicamente coa mesma intensidade”. 

A USC apreciou, ademais, que se está a facer un uso responsable do servizo. Ferreira manifesta que tan só houbo dúas persoas que utilizaron as bicicletas entre 3 e 4 horas. “Utilízanse para desprazamentos curtos e os tempos son razoables”, asegura. Esta era unha das principais preocupacións da universidade.

Na primeira semana deste periodo de proba as “poucas” incidencias percibidas fóronse solventando “con moito esforzo” por parte do delegado de Deportes da USC, Javier Rico, que coordina un equipo de traballo no que está implicado o parque móbil, a área de deportes e as conserxarías das facultades e centros. Segundo sinala o xerente non existe un servizo externalizado para o control do programa piloto.

“Temos o reto de conseguir financiamento para que este proxecto se extenda ao resto da cidade”

Javier Ferreira

— Xerente da USC

O problema que máis se repetiu nestes días estivo relacionado coa conexión das bicis nas estacións. “Ao conectalas debería de aparecer ao momento a súa dispoñibilidade na aplicación, pero en ocasións non sucedía ao non detectalas”, detalla. As estacións funcionan a través dunha aplicación informativa. “Pode dar erros pero resólvense de xeito inmediato”, di. Tamén houbo momentos puntuais nos que apenas había postos na estación da Concepción Arenal e detectouse algún pinchazo. Non se chegou a extraviar ningunha bicicleta e tampouco se rexistraron accidentes. 

Dende a institución son conscientes de que este primeiro reconto favorable coincidiu con días soleados. “Agora cambia o tempo e queremos ver como funciona o sistema”, sinala.

En calquera caso, os resultados da primeira semana son esperanzadores. “Non sabiamos a acollida que podía ter porque a cidade é difícil polo seu chan e hai moito tráfico de coches”, relata Ferreira. Considera que se lle deu moita difusión ao programa e “o boca a boca” axudou a que todos os días haxa persoas que se dan de alta na aplicación.

O servizo manterase activo ata xuño –aínda non se coñece a data exacta– tendo en conta que nese mes rematan as clases e os exames. “A partir de aí a presenza de universitarios é ínfima e o PDI e PAS non as utilizan demasiado”, detalla Ferreira. Tamén teñen en conta o coste do plan piloto que implica 100.000 euros. Nese mes realizarase unha avaliación final.

Incrementar as estacións e as bicis para setembro como reto

De cara a setembro, a USC ten o reto de incrementar o número de estacións de recollida e depósito. “Probablemente aumentaremos unha ou dúas no campus sur”, destaca. Así, tamén se buscarían máis bicicletas. Ferreira cre que sería moi conveniente que houbera unha estación na Intermodal, “algo que xa non dependería da USC”. O reto é, en palabras do xerente, “conseguir financiamento para que este proxecto se extenda ao resto da cidade”

Unha vez coñecidos os resultados, a USC trasladarallos ao Concello para que coñezan como se desenvolveu o programa piloto. Ferreira incidiu, como xa o fixera o concelleiro de Mobilidade, Xan Duro, e a alcaldesa, Goretti Sanmartín, na presentación da iniciativa, na necesidade de que se facilite unha mobilidade “máis sustentable e con menos conflitividade que a dos vehículos”.

 Dende a USC contactarán coas autoridades autonómicas “para ver se poden botar unha man no desenvolvemento da proba”.