O programa de hoxe

Cheo absoluto no Obradoiro coa Panorama: comezan as Festas da Ascensión

A programación deste ano prolongarase até o domingo 12 de maio con concertos na Quintana e na Alameda, xornadas de folclore, competición de drons no Campus Sur, cabezudos e a tradicional Feira Cabalar en Amio

A pesar da polémica xerada polas limitacións de asistencia e decibelios da orquestra Panorama e do “solapamento” programático denunciado polo Partido Popular local, as rúas da cidade histórica enchéronse de composteláns, veciños darredor, turistas e peregrinos que se achegaron á praza da Quintana para asistir ao concerto Santiago 40 Pop -que comezou ás 21 horas e contou coa presenza da banda galega Lontreira- e mais á praza do Obradoiro para gozar co evento máis esperado e comentado da programación da Ascensión, o concerto da Panorama.

Xente de todas as idades ateigou a principal praza da cidade para festexar as súas festas máis grandes ao ritmo dunha das orquestras máis importantes do país, que xa integrou tamén o ano pasado o programa das Festas da Ascensión, e que neste 2024 deleitou os seus fans con dúas horas e media de espectáculo.

A Quintana acolleu o primeiro concerto da Ascensión, Santiago 40 Pop

A Quintana acolleu o primeiro concerto da Ascensión, Santiago 40 Pop / Antonio Hernández

Os escenarios xa estaban montados dende a tarde do martes, pero dende as 18 horas o equipo da TVG, que gravou a actuación da orquestra para transmitila a través de agalega.com, xa comezaba coa montaxe técnica: sete cámaras, unha cabeza quente e un travelling foron os elementos empregados para gravar o evento. Un concerto que soou nos comprometidos 90 decibelios, 30 por debaixo dos habituais 120, e para o que se restrinxiu o acceso a 8.000 persoas.

A intencionalidade do Goberno local é, segundo explicaba días atrás a concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, “que a veciñanza goce das festas” ao tempo que se vela polo “coidado do patrimonio”. Para iso, equipos de seguridade controlaron o acceso ao Obradoiro e, como acontece noutros eventos multitudinarios, contrólouse o contido das mochilas e bolsas dos asistentes.

Ambiente de festa no Obradoiro nos instantes previos ao inicio do concerto da Panorama

Ambiente de festa no Obradoiro nos instantes previos ao inicio do concerto da Panorama / Antonio Hernández

A programación de hoxe, Día da Ascensión, está cargada de eventos, con tres dos acontecementos máis tradicionais das festas máis picheleiras: a comparsa dos Cabezudos polas Arúas da cidade histórica, as actuacións das agrupacións folclóricas e a Feira Cabalar en Amio.

O desfile dos Cabezudos vai dar inicio ás 12.30 horas na rúa Nova. Pola tarde, a partir das 18 horas, a tradición e folclore ateigarán de xente as prazas de Santo Agostiño, Toural, Cervantes e Obradoiro coas músicas e os bailes das distintas agrupacións da cidade, que ademais, ás 20 horas, protagonizarán unha actuación conxunta na praza das Praterías.

Tamén vai haber monicreques e visitas teatralizadas pola ‘ruta de Valle Inclán’ en Compostela, ademais do concerto de Fillas de Cassandra ás 21h. na Quintana e a orquestra Função Públika ás 22h. no Obradoiro.

Suscríbete para seguir leyendo