Santiago
+15° C
Actualizado
lunes, 03 junio 2024
15:30
h
Nos Luns do Ateneo

A erosión da costa é unha realidade que se pon de manifesto nun ano coma este, segundo Pérez Alberti

O mar está comendo a costa nun proceso erosionante que en anos como o presente ten unha alta incidencia, afirmou onte, nos “luns do Arteneo”, Augusto Pérez Alberti, catedrático de Xeografía da Universidade de Santiago e un dos máximos especialistas en xeomorfoloxía. O acto foi presentado polo tamén catedrático Francisco Díaz-Fierros, quen destacou o recoñecemento internacional e calidade investigadora do conferenciante.

Pérez Alberti destacou a riqueza morfolóxica do litoral galego, onde se atopan todas as tipoloxías posibles, agás as volcánicas, incidindo en que Galicia está nunha zona de grande actividade tormentosa e que a confluencia de fenómenos atmosféricos e oceánicos tan intensos como os vividos este inverno, aceleran un proceso erosivo natural que nos debe facer reflexionar sobre as intervencións humanas no perímetro costeiro. Neste sentido, o profesor da USC valorou a existencia do Plan Litoral da Costa Galega, un valioso documento no que se fixa a zona de incidencia da dinámica costeira, asegurando que o importante é que se cumplan as disposicións deste documento, que fixa zonas de protección moi variables en función da tipoloxía do terreno marítimo.

O conferenciante aportou documentos gráficos que mostran o avance da erosión costeira nos últimos 50 anos, destacando cambios tan importantes como os producidos polos encoros, que reteñen a achega de area dos cauces hidrográficos, así como múltiples actuacións erróneas, tanto urbanísticas, como de recheos, construcción de portos en lugares imposibles, como Langosteira, ou de achega de areas artificiais. Pérez Alberti indicou que existen cantís e praias, como a das Catedrais (Augasantas), concorridas por milleiros de turistas, nas que existe serio perigo de derrube, sen que exista ningún letreiro en toda a costa de Galicia que advirta deste perigo.

A necesidade de conter o urbanismo costeiro, as actuacións en materia de infraestrutura viaria e portuaria, así como a conservación das dunas, deberían ser prioridades para evitar males maiores producidos por esta loita de desgaste entre as forzas da naturaleza e a intervención humana.

O profesor de Xeografía, asegurou que o mar está recuperando o terreno de costa perdido, posto que hai 120.000 anos o mar tiña un nivel uns 2 metros superior ao actual. Neste mesmo sentido, asegurou que o cambio climático é evidente, probablemente acelerado por factores humanos, pero tamén una constante histórica, recordando, por exemplo, que hai 50.000 anos, no interior de Galicia houbo glaciares con 500 metros de espesor e moitos quilómetros de longo.

13 may 2014 / 00:51
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito