Santiago
+15° C
Actualizado
lunes, 03 junio 2024
15:30
h

Reigosa, Vásquez e Dicker gañan os XX premios San Clemente

As obras vencedoras son "A vitoria do perdedor", do escritor galego Reigosa; "Las reputaciones", do colombiano Vásquez, e "La Vérité sur l'affaire Harry Quebert", do suízo Dicker

    Os escritores Carlos G. Reigosa, Juan Gabriel Vásquez e Jöel Dicker, foron os gañadores da vixésima edición dos premios literarios Arcebispo Juan de San Clemente nas modalidades de lingua galega, castelá e estranxeira, respectivamente.

    As obras vencedoras son "A vitoria do perdedor", do escritor galego Reigosa; "Las reputaciones", do colombiano Vásquez, e "La Vérité sur l'affaire Harry Quebert", do suízo Dicker.

    A característica que fai diferentes estes premios literarios con respecto a outros é que o xurado está composto por alumnos de Ensino Secundario Obrigatorio (ESO) de varios centros de Galicia, que emiten o seu voto de forma "escrita e secreta".

    A decisión do xurado foi dada a coñecer hoxe no instituto Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, organizador deste certame literario.

    Os estudantes inclináronse pola novela de Carlos G. Reigosa, "A vitoria do perdedor", na modalidade de lingua galega, "porque a trama nos remitía a un pasado próximo a nós", e, "sen estar localizada nun espazo concreto, lembraba a xeografía galega", dixo unha das integrantes do xurado do premio en lingua galega.

    No caso de "Las reputaciones", de Juan Gabriel Vásquez, a obra tivo para os novos lectores "unha lectura sinxela", ademais de plasmar "a gran presenza da opinión pública" no seu argumento.

    "La Vérité sur l'affaire Harry Quebert", de Jöel Dicker, gañadora en lingua estranxeira, expón, segundo o xurado, "unha trama multiperspectivista", "ateigada de intriga", en que "o escritor critica subliminarmente unha sociedade consumida por prexuízos e aparencias".

    O Premio Literario Arcebispo Juan de San Clemente ten unha dotación económica de 3.000 euros en cada unha das tres modalidades.

    O director do instituto compostelán, Ubaldo Rueda, agradeceu aos alumnos a súa participación como membros do xurado e o seu "exercicio de responsabilidade e imparcialidade".

    A 20ª edición deste galardón literario contou coa participación como xurado de estudantes dos institutos da ESO 'Vilalonga' de Sanxenxo, 'Xosé Neira' de Oleiros, 'A Pinguela' de Monforte de Lemos, 'Lagoa de Antela' de Xinzo de Limia, e 'Rosalía de Castro' de Santiago de Compostela.

    O acto de entrega dos premios ao que asistirán os escritores galardoados, como é tradición, está previsto para o mes de xaneiro ou febreiro de 2015.

    Desde a súa primeira edición, o Premio Literario Arcebispo Juan de San Clemente recoñeceu algúns dos máis grandes novelistas contemporáneos, tal é o caso de Mario Vargas Llosa, Milan Kundera, Antonio Tabucchi, Paul Auster ou Haruki Murakami, algúns dos cales se achegaron á capital galega para recolleren en persoa o galardón.

    17 jun 2014 / 17:09
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito