Santiago
+15° C
Actualizado
lunes, 03 junio 2024
15:30
h

Coruña Maiúscula intentará consolidar a Ágora como centro promoción cultura

Máis de 30 autores participarán neste evento que pretende consolidarse como "a cita anual para os creadores e o escaparate para os lectores"

    A segunda edición do "Coruña Maiúscula" comezará no vindeiro 20 de marzo co obxectivo de consolidar a Ágora como un centro de reunión e de promoción da cultura.

    Máis de 30 autores participarán neste evento que pretende consolidarse como "a cita anual para os creadores e o escaparate para os lectores", segundo anunciou nesta mañá a tenente de alcalde de Cultura, Ana Fernández, durante a presentación da segunda edición do festival Coruña Maiúscula, que se desenvolverá até o día 24 de marzo.

    Entre as actividades previstas, destacan a proxección do filme "Invasor", e a realización de obradoiros de relato e poesías, charlas e coloquios e sesións de teatro, cinema e representacións.

    O festival comezará coa exposición fotográfica de Asís G. Ayerbe de 54 retratos de autores da literatura universal: Antonio Muñoz Molina, Clara Sánchez, Enrique Vila Matas, Dai Sijei, Erri de Luca ou Ramón Pernas, entre outros.

    "Convido todos os coruñeses a que dean un paseo polo vestíbulo da Ágora para se somerxeren nunha mostra atípica de retratos destes autores que identifican a súa obra e a súa persoa, así como as ideas que foron xurdindo no encontro co fotógrafo e a súa ollada", destacou a edil.

    Nesta segunda edición, tal e como destacou a responsábel de Cultura, Coruña Maiúscula pretende consolidarse como "unha cita anual para os creadores e un escaparate para os lectores nun espazo de troca de pensamento e experiencias".

    "O obxectivo é divulgar o coñecemento da literatura e a palabra, entre o público de todas as idades e crear espazos de dialogo coa música, a danza, a fotografía e o teatro", destacou Ana Fernández.

    A festa da palabra congregará máis de 30 autores, entre os que destacan Manuel Rivas, Fernando Marías, Yolanda Castaño, Ada Salas, Kepa Murua ou Jordi Corominas, que lerán os seus propios textos para os alumnos de institutos de ensino secundario en horario de mañá.

    Os obradoiros de relato serán impartidos por Ángel Zapata, mentres que o de poesía correrá a cargo de Gonzalo Escarpa.

    Unha das novidades desta edición é o programa Novos que, en colaboración coa Fábrica, pretende sacar á luz nova plumas no campo da literatura galega e española.

    Coruña Maiúscula porá en marcha, tamén, unha iniciativa que non pasará desapercibida e é que a autora a autora Gracia Iglesias permanecerá no escaparate da libraría Arenas durante os catro días de duración do festival e escoitará persoalmente ou a través das redes sociais todo aquel que quixer contarlle a súa historia, un recordo ou manter viva a memoria dun ser querido.

    Con estes testemuños Gracia Iglesias confeccionará, dentro do propio festival, unha instalación sonora", explicou Ana Fernández.

    05 mar 2013 / 19:33
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito