Implicadas presenta "As que rubimos montañas"
A organización lanza un novo poemario de autoras etíopes e galegas
![Implicadas presenta As que rubimos montañas Implicadas presenta As que rubimos montañas](http://www.elcorreogallego.es/binrepository/900x953/0c224/900d506/none/102922340/HXNE/portadad_586415_CG747321_MG157613110.jpg)
![Implicadas presenta As que rubimos montañas Implicadas presenta As que rubimos montañas](http://www.elcorreogallego.es/binrepository/900x533/0c14/900d506/none/102922340/UKAH/portadac_586416_CG747321_MG157613111.jpg)
![Implicadas presenta As que rubimos montañas Implicadas presenta As que rubimos montañas](http://www.elcorreogallego.es/binrepository/900x633/0c64/900d506/none/102922340/XOYE/portadaf_586417_CG747321_MG157613112.jpg)
'As que rubimos montañas' é un libro solidario promovido por Implicadas/os no Desenvolvemento e publicado en Meubook, que recolle poemas de autoras etíopes (Yemoddish Bekele; Mihret Kebede; Tigist Mitiku; Misrak Tefere; Azeb Yosef; Abebech Diriba) e galegas (María Reimóndez; Antía Otero; Lucía Aldao; Estíbaliz Espinosa; Marga do Val; María Lado; María do Cebreiro).
Para Implicadas/os no Desenvolvemento este libro resume en forma de poesía unha maneira de traballar para cambiar o mundo na que nos levamos esforzando xa durante máis de dez anos. A nosa organización traballa dende a súa fundación en 1998 a prol dun mundo onde a cidadanía do norte en xeral e galega en particular entenda a súa incidencia directa sobre a vida de millóns de persoas que viven na pobreza extrema. En todo este tempo, son moitas as pontes e as vías de acción que levamos establecidas, pero se dúas cousas nos caracterizan ademais especialmente son o noso compromiso de xénero e o noso afán por implicar a cultura neste proceso como parte fundamental do cambio.
"'As que rubimos montañas', as poetas etíopes e galegas, atopamos igualmente abondos estereotipos que superar. Etiopía, no imaxinario occidental, resúmese nunha única palabra: fame. Nada hai debaixo diso para os nosos ollos, nin unha cultura milenaria, nin a convivencia relixiosa, nin o orgullo de non ser un pobo colonizado, nin os altibaixos e ditaduras dos séculos XX e XXI. Fame. E con iso resumimos a nosa (inexistente) relación co país. Nada hai inscrito nesa concepción sobre as mulleres que cada día fan esforzos inmensos por transformar, nun silencio sepulcral creado por todas e todos nós, as súas sociedades e as súas comunidades. Este poemario pretende achegar a multiplicidade de facianas das mulleres etíopes, coas súas diversas linguas, crenzas, situacións e traballos. Porque as que rubimos montañas cargamos con fardos pesados en todas as sociedades e cómpre esa man tendida nos dous sentidos para poder deixar a carga e respirar o aire fresco dos cumios, todas a unha."
As poetas que fixeron o libro posible participaron de xeito totalmente desinteresado. O seu prezo é 12 e pódese mercar a través da plataforma MeuBook ou encargalo en info@implicadas.com.