Santiago
+15° C
Actualizado
lunes, 03 junio 2024
15:30
h
en cronopios

Miguelanxo Prado presenta en Santiago e Pontevedra os seus últimos libros

"O dragón que cambiaba de conto cada vez que esbirraba” e “Mar interior” son as últimas obras de Miguelanxo Prado e os lectores de Santiago e Pontevedra poderán escoitar ao autor falar sobre elas os vindeiros xoves e venres respectivamente. Será en sendas presentacións nas sedes da libraría Cronopios nas dúas cidades. Ambos títulos están publicados por El Patito Editorial, organizadora así mesmo destes encontros co público.

Mentras prepara unha novela gráfica sobre as preferentes cun ton “noir”, Miguelanxo Prado ten moita actividade estes días. O xoves 30 as 20h estará na libraría Cronopios de Santiago de Compostela e o día seguinte estará na mesma libraría pero en Pontevedra as 19.30h para presentar os seus dous últimos traballos ante os seus fans. Dúas obras ben distintas que, de seguro, producirán moita curiosidade. A primeira é un conto con texto de David Aceituno:

”O Dragón que cambiaba de conto cada vez que esbirraba”, é un conto de sempre, cun debuxo clásico. Estas dúas cuestións son as que me engaiolaron da historia, é unha historia que conta moitísimas cousas, hai un dragón, un cabaleiro, unha princesa, animais... É o típico conto que lle gusta a nenos e nenas, que non pretende ensinarlles nada senón facer que pasen un bo rato. A narración de David Aceituno é rápida e cada páxina te empurra a pasar á seguinte; e o debuxo de Miguelanxo Prado é doce e preciso” di a editora Gemma Sesar.

No caso de “O Dragón…” é unha das escasísimas ocasións nas que o prestixioso Miguelanxo Prado traballa para os máis cativos así que se converterá asemade nun obxecto de valor para os coleccionistas: “a mín sorprendeume. É Miguelanxo pero nun rexistro diferente, infantil pero cunha tendencia clásica, e moi ben acabada, que para mín é un valor máis que ten o libro” afirma Sesar. O debuxante enfrontou este reto “con gañas de divertirme e de gozar de cada un dos debuxos. De cando en vez é moi bo moverse en terreo luminoso e positivo de principio a fin. E gocei moito dándolle forma a esta presada de personaxes.”

No caso de “Mar interior” é o resultado da exposición do mesmo nome que se pode ver actualmente no Museo das Peregrinacións de Santiago. O mesmo Prado seleccionou a escolma de ilustracións que se recollen neste volume con tres criterios: intención retrospectiva, a fascinación por Compostela e a presenza do mar. Un auténtico agasallo para os coleccionistas que ven aquí mostras de traballos de distintas épocas, algúns totalmente inéditos en formato libro.

Para rematar coas presentacións destes dous títulos, o 5 de novembro pronunciará unha conferencia no Auditorio do Museo das Peregrinacións as 18h.

27 oct 2014 / 11:56
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito