Santiago
+15° C
Actualizado
lunes, 03 junio 2024
15:30
h

Nace 'FemtoXat', un satélite feito en Galicia que é único no mundo

Fabricado mediante impresión 3D, está deseñado na Universidade de Vigo e podería estar no espazo na segunda metade do 2015 // Pesa 300 gramos

FemtoXat, un satélite único no mundo dispotivivo integramente deseñado na Universidade de Vigo, comeza a súa andiana cun peso entre 300 e 325 gramos.

A súa fabricación integramente mediante impresión 3D en metal e polímero; a súa compatibilidade parcial co estándar cubesat, coa intención de que poda ser inxectado en órbita utilizando o mesmo dispositivo que se emprega no caso dos cubesats, e un deseño que implica a extrema miniaturización de compoñentes mecánicos e electrónicos, fan do FemtoXat un satélite único no mundo.

No 2011 comezaba a tomar corpo o que será o terceiro satélite que a Universidade de Vigo enviará ao espazo, algo que está previsto nunha órbita LEO de aproximadamente 600 quilómetros de altura, na segunda metade de 2015.

"Nin en España, nin no mundo existe outro satélite como FemtoXat", explica José Antonio Vilán, investigador principal do proxecto, coordinado por Fernando Aguado, responsable do agrupamento Aeroespacial da Universidade.

Vilán asegura que "hai algúns similares, pero non comparten o concepto de FemtoXat, que pretendemos que sexa lanzado utilizando a tecnoloxía que se emprega para os cubesats sen necesidade de cambiar absolutamente nada".

Arredor de 15 persoas, integradas nos grupos de Radiocomunicación e Informática, Enxeñaría Mecánica e Enxeñaría Informática, das escolas de Telecomunicación, Industriais e Informática da Universidade de Vigo, traballan neste proxecto, que neste intre atópase na fase C, "a fase crítica en canto a deseño e onde se decide a configuración final do satélite", explica Vilán.

Superada esta etapa, procederase á fabricación dos modelos de voo, comprobarase que todo funciona correctamente e, se unha vez integrado e testado, todo está perfecto, procederíase ao seu lanzamento.


Deseño 'MADE IN GALICIA' Aínda que a finalidade de FemtoXat é a de formar parte como repetidor da rede Humsat, posta en marcha en colaboración coa ONU e a Axencia Espacial Europea co obxectivo de fomentar as capacidades no sector espacial, sobre todo en países emerxentes, o obxectivo deste proxecto de carácter educacional é aproveitar o coñecemento adquirido durante estes anos de traballo e desenvolver unha plataforma propia para o segmento espazo, barata de construír e de poñer en órbita e que se poda converter no futuro nunha plataforma sobre a que podan aprender novos estudantes e egresados.

"A importancia deste novo proxecto reside no alcance do mesmo, xa que se está a deseñar o 100% do satélite, o que significa que todo o que se desenvolva quedará como tecnoloxía propia das persoas que o fagan, podendo ser utilizada en futuras plataformas, aproveitada con propósitos educativos ou incluso licenciada ou comercializada", explica o investigador principal do proxecto.

Pero as vantaxes desta iniciativa van máis aló. Por unha banda ao funcionar como repetidor dentro da rede Humsat, e cos mesmos estándares dos subsistemas dos dous satélites predecesores, Xatcobeo e Humsat, FemtoXat poderá dar servizo dun xeito distinto a como o fai Humsat-D, o que aumenta o alcance e a versatilidade da rede. Por outra parte, o desenvolvemento de compoñentes totalmente novos, incrementa o legado e a rendibilidade de proxectos anteriores, "unha parte vital, xa que permite que os proxectos concluídos teñan sentido incluso máis aló do tempo de misión".

No proceso de desenvolvemento de FemtoXat o límite másico de 400 gramos condiciona en gran medida o seu deseño, que ademais de incluír os compoñentes máis lixeiros e miniaturizados, debe permitir a súa fácil integración e testeo.

Esta circunstancia, segundo explica José Antonio Vilán, está a condicionar o calendario de desenvolvemento do satélite, que finalmente acadará un peso entre 300 e 325 gramos.

10 oct 2014 / 21:23
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito