A poesía, penúltima arma
Carlos Negro asina 'Penúltimas tendencias', réplica paródica contra o estereotipo das identidades baleiras na mocidade
Carlos Negro (Lalín, 1970) entregáranos con Makinaria (2009) un artefacto poético de alta potencia e regresa agora con estas Penúltimas tendencias (2014) que queren ser un xogo moi serio na loita contra as cartas marcadas. Toda a poesía que hai neste libro vai dando forma a unha pílula enerxética capaz de se converter en catalizadora dunha rebelión contra os roles establecidos e as construcións de xénero estereotipadas, as mesmas que acosan o lectorado adolescente por todas as frontes e entre as que este trata de sobrevivir mentres a semente da propia identidade vai medrando.
O poemario divídese en sete apartados cuxos títulos anuncian poemas nos que se desafían os contidos típicos das chamadas revistas femininas para adolescentes. O recurso ao paródico serve para articular un discurso que denuncia a representación da adolescente como consumidora baleira de identidade, e resulta literariamente hábil e eficaz para reverter, desde dentro, o clixé e a preconfiguración da imaxe da muller.
Más información en El Correo Gallego (edición papel) y Orbyt