Santiago
+15° C
Actualizado
lunes, 03 junio 2024
15:30
h

Premio á USC pola colección 'Clásicos do Pensamento'

Juan L. Blanco Valdés, director do Servizo de Publicacións, recollerá o galardón en novembro

Un xurado independente seleccionou o pasado día 15 de setembro en Madrid os dez mellores libros editados polas universidades españolas en 2010. Juan José Moreno Navarro, director xeral de Política Universitaria do Ministerio de Educación; Francisco Moreno, director da Área Académica do Instituto Cervantes; Madalena Vinent, directora xeral de CEDRO; Branca Berasategui, directora de El cultural (El Mundo); Laura Revuelta, redactora xefe do ABC Cultural (ABC); Amelia Castilla, responsable de Babelia (El País); e Teresa Peces, directora da revista Delibros, foron os encargados de elixir, entre 104 títulos, as obras gañadoras da XIV edición dos Premios Nacionais de Edición Universitaria.

Na modalidade de mellor colección, o galardón recaeu en Clásicos do Pensamento Universal, coeditada dende 2002 pola Universidade de Santiago de Compostela e a Fundación BBVA e deseñada, editada e producida integramente polo Servizo de Publicacións e a Imprenta Universitaria. A colección, creada e dirixida dende os seus inicios polo profesor Darío Villanueva, mereceu o galardón a xuízo do xurado por «la cuidada edición y por la proyección social y valor cultural que supone verter las obras del pensamiento universal a la lengua gallega».

Clásicos do Pensamento Universal -que leva vertidas ao galego ata o momento as obras de Maquiavelo, Claude Bernard, von Neumann, Freud, Newton, Darwin, Platón, Aristóteles, Erasmo, Tomás Moro, Sapir, MacLuhan, Beccaria, Rousseau, Max Weber, Séneca e Lavoisier- gañou esta importante distinción competindo con coleccións das universidades de Zaragoza, Deusto, Politécnica de Catalunya, Sevilla, Jaume I, Salamanca, UNED, Huelva e CSIC.

IMPECABLE LABOR
Blanco Valdés salientou tamén o papel tanto da antiga directora de Publicacións, Marisa Melón, como peza clave no desenvolvemento da colección, como o de Darío Villlanueva, en canto director intelectual e científico do proxecto, e, desde logo, o xeneroso mecenado e sensibilidade cultural da Fundación BBVA, representada no director da mesma, o profesor Rafael Pardo Avellaneda.

Juan L. Blanco Valdés recollerá o premio no acto a celebrar no mes de novembro na XXX Asamblea Xeral da Unión Nacional de Editoriais Uiversitarias, que terá lugar na Universidade de Almería.

tendencias@elcorreogallego.es

23 sep 2011 / 23:01
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito