Santiago
+15° C
Actualizado
lunes, 03 junio 2024
15:30
h

A RAGC distingue a Reganosa, Evasa e investigadores da USC

Eficiencia enerxética e saúde bucodental son os temas centrais dos segundos Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia

A eficiencia enerxética e a saúde bucodental son os temas centrais dos proxectos galardoados nos Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia, que este ano chegan á súa segunda edición. O certame, que vén de facer pública a resolución do xurado, está promovido pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta, para recoñecer as mellores prácticas de transferencia de coñecemento dos organismos de investigación ao tecido produtivo.
Ás categorías para pemes e grupos de investigación súmase unha terceira para grandes empresas. Os galardóns serán entregados nun acto en Santiago.
O premio ao mellor caso de éxito de transferencia de tecnoloxía na categoría de grandes empresas recae en Reganosa, firma galega dedicada ao transporte e regasificación de gas natural con sede en Mugardos. A contratación do Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial da Universidade de Santiago de Compostela (USC) permitiulle incorporar unha innovadora ferramenta que permite a xestión integral das redes de gas baixo criterios de máxima eficiencia.
O premio para a empresa ten carácter honorífico, e o grupo de investigación percibirá 6.000 euros polo seu esforzo no eido da transferencia de tecnoloxía.
O software desenvolvido polos investigadores e transferido a Reganosa, que o usa desde 2014 e que se segue perfeccionando, supera as limitacións das existentes. A ferramenta permite analizar a cadea de deselvolmento das redes de transporte de gas desde a súa planificación ata o seu funcionamento en casos de perigo para a seguridade de subministración.
A solución baséase na aplicación da matemática industrial para simular, en calquera escenario, o funcionamento das redes de transporte de gas de xeito moi rápido (na española, de 13.000 quilómetros, en menos de 10 minutos).
O rápido incremento do consumo de gas en Europa nos últimos dez anos, a posta en marcha do mercado organizado de gas en España a finais de 2015 e a unificación dos mercados na Península son un contexto de grande oportunidade para esta ferramenta.
No caso particular de Galicia, que ten un índice de gasificación de 8, case a metade da media española, é fundamental contar con tecnoloxías como esta.
Na categoría de pemes, o premio ao mellor caso de éxito empresarial de transferencia de tecnoloxía, dotado con 12.000 euros, correspóndelle a Evasa. Esta empresa situada en As Pontes desenvolveu, coa colaboración do Instituto Tecnolóxico de Materiais de Asturias (ITMA), dous novos encapsulantes para a fabricación de vidro laminado, tamén coñecido como vidro de seguridade, que permiten un significativo aforro enerxético; vidro que levan por exemplo os parabrisas.
Evasa comezou xa a comercializar un dos dous materiais, cun incremento exponencial das súas vendas en 2015. O segundo material venderase este ano.
O premio ao mellor traballo dun grupo de investigación aplicada, dotado con 6.000 euros e unha axuda de 4.000 euros para a formación dun dos investigadores, recaeu nun equipo multidisciplinar da USC. No proxecto colaboraron dez científicos dos departamentos de Microbioloxía e Parasitoloxía e da área de Estomatoloxía e Cirurxía Oral, coa colaboración da empresa catalá Dentaid.
O traballo de ciencia básica que orixinou este proxecto fora xa galardoado co Premio de Investigación da RAGC en 2010. A investigación avanzou nos seus obxectivos e deu os seus primeiros pasos cara ao mercado, o que lle valeu este novo galardón.
O traballo premiado logrou aplicar na saúde bucodental unha estratexia alternativa aos antibióticos e antisépticos: actuar sobre os procesos de comunicación que establecen as bacterias entre elas para formar a placa dental, retrasando así a aparición de enfermidades como a carie ou a xinxivite.
A viabiliade desta estratexia foi ratificada con ensaios in vitro realizados pola USC e Dentaid, con bos resultados na redución da formación de placa dental de entre o 80% e o 90% en mostras de pacientes sans e en alomenos do 50% en pacientes con diferentes patoloxías orais.

18 oct 2016 / 19:16
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito