Santiago
+15° C
Actualizado
lunes, 03 junio 2024
15:30
h

A USC edita o novo libro de Trillas, pai da lóxica borrosa en España

A obra 'El desafío de la creatividad' presentouse onte como unha viaxe intelectual arredor da capacidade de creación

"Crear require, ademais de inducir, o entusiasmo persoal por crear algo novo, relevante e rompedor, así como asombrarse previamente polas novas preguntas e as posibles respostas ás mesmas". Esta é unha das ideas coas que Enric Trillas conclúe o seu libro El desafío de la creatividad, obra que o autor presentou no día de onte na Reitoría da Universidade de Santiago e que lle serviu para afirmar que "o futuro demandaranos creatividade".

O libro preséntase como "unha viaxe intelectual arredor do mundo da creatividade dende unha visión da mesma pegada ao razoamento non dedutivo ordinario, concretamente á obtención das conxecturas chamadas 'especulacións'". Como o mesmo autor adianta no proemio da obra, esta "defende unha visión naturalística do fenómeno da creatividade, soportada na linguaxe, dentro do razoamento ordinario e como parte importante da racionalidade".

Como se puxo de manifesto no acto de onte, "este ensaio quere servir de guía e estímulo" para propor unha "reflexión sobre o desafío que, maiormente de tipo computacional, a creatividade formula á ciencia".

En opinión do autor, o concepto de creatividade propón un "desafío que require a transformación dos actuais estudos sobre o razoamento ordinario ou de sentido común nunha ciencia empírica, á vez teórica e experimental: unha física da linguaxe e o razoamento, como a física é a ciencia da materia, a enerxía e o movemento".

A nova obra presentouse nun encontro cos medios de comunicación que presidiu a vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos da Universidade de Santiago, Mar Lorenzo Moledo, e no que tamén interviñeron ademais do autor o prologuista do volume, o ex reitor da USC Senén Barro, e o director do Servizo de Publicación, Juan Luis Blanco Valdés.

Más información en El Correo Gallego (edición papel) y en Orbyt

11 jul 2018 / 21:33
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito