Yolanda Castaño, XI Premio de Poesía Novacaixagalicia
O xurado do galardón recoñeceu a obra A segunda lingua, da escritora coruñesa, que marca un fito na súa traxectoria
O libro da egoísta de Yolanda Castaño (Santiago, 1977) marcou, logo da súa publicación en Galaxia, un fito na recepción poética en Galicia. Foi un éxito editorial, con todo o que iso supón no contexto dunha lingua minorizada como o galego. Agora un novo traballo de Yolanda Castaño acaba de ser recoñecido na XI edición do Premio de Poesía Fundación Novacaixagalicia, fallado onte en Santiago de Compostela. A segunda lingua é o título dun poemario, escollido entre cincuenta e dous orixinais, que, ao dicir do xurado, presentaron "un nivel elevadísimo, moito maior na calidade dos traballos do que noutras convocatorias de premios" e a proba, sinalouse, de que "a poesía galega está viva".
UNANIMIDADE
. Houbo unamimidade no recoñecemento e aínda máis, "convencemento de todos e paixón lectora". Segundo os responsábeis do fallo, o poemario de Yolanda Castaño supón "un cambio de ciclo na súa traxectoria", e é a expresión dunha "poesía fresca, nova e anovadora". Malia ser, sinalaron, unha "autora consolidada", a todos eles sorprendeunos "a procura, a ansia de superación, o cambio de discurso con ingredientes novos" que habita esta obra que, lembraron, "se vai ter moi en conta por parte dos críticos e que vai ser un suceso entre os lectores".
Más información en El Correo Gallego (edición papel) y en Orbyt