Santiago
+15° C
Actualizado
lunes, 29 julio 2024
19:16
h

Tempos de pesca en tempos de guerra

Licínio Ferreira relata como a II Guerra Mundialchegou ata os barcos bacalloeiros cando un submarino alemán afundiu o pesqueiro Maria da Glória

Posiblemente as persoas poidan dividirse en dúas clases: a xente común e os homes que navegaron nos barcos bacalloeiros polos mares do norte. A pesca do bacallau no século pasado era en si mesma unha tarefa épica, máis propia de deuses mitolóxicos que de xentes normais. O frío, os temporais, a soidade no mar, os meses de reclusión en barcos inhóspitos, o traballo en durísimas condicións, a complicada convivencia en espazos reducidos... marcaron unha actividade de características lendarias.

Ademais, a historia deste traballo fora de calquera medida sumaba de cando en vez algún feito extraordinario con vocación de converterse en mítico. Nos últimos anos, historiadores do mundo da pesca e mariñeiros con boa memoria teñen verquido en libros e reportaxes as súas peripecias case inverosimis. E Portugal, os libros sobre a pesca do bacalhau forman xa un xénero en si mesmo, cultivado por profesores, navegantes, pescadores e científicos. Autores como Alvaro Garrido - desde unha perspectiva académica, Valdemar Aveiro -desde a lembranza persoal- , Manuel Luís Pata -cun enfoque local e etnográfico- e outros moitos, desde un punto de vista xornalístico e literario, ampliaron nos últimos anos o coñecemento e tamén a mitoloxía dos barcos e mariños bacalloeiros.

Portugal considera hoxe a pesca e o comercio do bacallau como un elemento básico da súa identidade nacional. Por algo chaman ao bacallau "o fiel amigo". Libros, museos, barcos musealizados, encontros académicos e xornadas gastronómicas alimentan esta relación entre o "fiel amigo" e a cultura portuguesa.

Tamén en Francia e Canadá medrou na última década as publicacións e investigacións históricas sobre a pesca do bacallau. Son incontables os acontecementos políticos, bélicos e diplomáticos vinculados ás campañas de pesca nas augas de Islandia ou Terra Nova. Non podemos esquecer que un dos últimos conflictos bélicos en Europa occidental foi a declaración de hostilidades entre Islandia e o Reino Unido cando o primeiro ampliou as súas augas xurisdiccionais, -primeiro a 50 e logo a 200 millas náuticas- e os británicos responderon mobilizando vintedúas fragatas de guerra.

Tamén a II Guerra Mundial chegou ás campañas do bacallau, cando un submarino alemán torpedeu e afundiu o barco bacalhoeiro portugués Maria da Glória en 1942.

E este é o tema do moi interesante Tempos de pesca em tempos de guerra, escrito por Licínio Ferreira Amador, profesor xubilado e natural de ílhavo, no distrito de Aveiro. Cando se fala da pesca e da cultura do bacallau, pronunciar o nome de Ílhavo e subir o nivel: trátase dunha pequena cidade cunha longa tradición mariñeira e unha gran presenza na historia e no presente da pesca portuguesa. Por algo ten un importante Museo Marítimo.

O libro trata fundamentalmente (pero non só) da traxedia vivida polos tripulantes do Maria da Glória e do entorno político, social e bélico. O libro de Licínio Ferreira conta, apoiándose en moitos datos e tamén nalgu­nhas licenzas literarias, o escenario no que sucede a historia: o significado da industria do bacallau no rexime salazarista, nos anos 41-42, a vida a bordo, os preparativos e aprovisionamentos que precedían a cada tempada, o papel dos submarinos alemáns nas rutas marítimas...

O 'Maria da Glória' era un barco bacalloeiro de tres mastros, dos que se chamaban lugres, con 44 homes a bordo. Cargaba sal en Torrevieja (Alacante) e partia desde Aveiro, cunha parada en Lisboa para completar o aparellamento e participar nun acto relixioso tradicional de benzón da frota. Despois, o destino eran os mares de Groelandia e Terranova para pescar bacallau polo procedemento mais artesanal e arriscado: desde o veleiro arriaban uns pequenos botes -os doris- ocupado cada un deles por un mariñeiro que pescaba con liña e anzois ata que os fráxiles doris estaban ateigados de grandes peixes.

Na primavera de 1942, O Maria da Glória navegaba cara a Groenlandia para iniciar a campaña. Navios de guerra aliados cruzaban o Atlántico, no ambiente da Guerra Mundial. E na primeira hora da tarde do día 5 de xuño, cando levaban 19 días de travesía, o lugre recibiu sen previo aviso disparos de granada, que causaron importantes danos. Cando os tripulantes puideron recompoñerse viron que a orixe dos proxectís era un submarino alemán, o U-94, e baixo a chuva de bombas so tiveron tempo de arriar os botes e contemplar desde eles como o Maria da Glória se afundía creando un colosal remuiño.

Para os náufragos, seguiron días de frío, fame e desolación no medio do océano, sen auga nin alimentos. Cando foron avistados dez días despois por un barco de guerra estodounidense, so quedaban oito homes con vida nos botes. A Portugal ainda tardaron semanas en chegar as noticias dos supervivintes, e as familias xa vestían de loito.

O submarino alemán U-94 foi afundido por un avión estadounidense aquel mesmo verán ao sur de Haití.

O afundimento do Matia gloria causou unha gran conmoción en Aveiro e nos portos portugueses. O número de vítimas, a importancia da pesca do bacallau para o réxime luso, as relacións internacionais do goberno salazarista, a autoría nazi da matanza, as historias heroicas dos tripulantes .... todo contribuiu a que o naufraxio do Maria da Glória tivese un eco grande e sostido na memoria de Portugal.

Licínio Ferreira fai en Tempos de pesca em tempos de Guerra un reconto áxil e documentado das circunstancias e dos feitos, nun libro que trascende a traxedia daqueles homes de mar para axudarnos a rememorar e entender un tempo tan distante e tan próximo.

13 mar 2017 / 08:40
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito