Santiago
+15° C
Actualizado
lunes, 03 junio 2024
15:30
h

Ames aproba a convocatoria de axudas para actividades desenvolvidas polas asociacións culturais

    O Concello de Ames, sempre comprometido coas asociacións culturais e veciñais, vén de aprobar as bases das convocatorias de dúas liñas de axudas: a de promoción de actividades levadas a cabo polas asociacións culturais e a de festexos tradicionais. En total, destinarase 69.600 euros ao impulso e promoción de actividades culturais no municipio amiense. As bases serán publicadas no Boletín Oficial da Provincia (BOP).

    En concreto, o Concello, consciente do importante que é o respaldo e incentivo das nosas actividades culturais e tradicionais, destinará 40.000 euros ao impulso de actividades realizadas polas asociacións e un total de 29.600 á promoción de festexos tradicionais levados a cabo polas comisións de festas de cada lugar ou parroquia.

    Á primeira liña de subvencións poderán optar as asociacións culturais do concello de Ames, legalmente constituídas e que figuren inscritas no rexistro municipal de asociacións. Os datos da inscrición deben estar debidamente actualizados no momento de solicitar a axuda. O obxectivo destas achegas, impulsadas pola Concellaría de Cultura, é achegar a cultura ao maior número de cidadáns e contar cunha vida cultural estable dentro do ámbito territorial do concello, programada e levada a cabo polas asociacións. Ademais, búscase promover a participación da veciñanza na vida das entidades culturais. 

    A contía destinada a esta convocatoria ascende a 40.000 euros e o importe individual das achegas concedidas non poderá superar os 7.500 euros. As solicitudes deberán presentarse antes do 15 de novembro no rexistro xeral do Concello de Ames. Os interesados e interesadas deberán presentar a documentación solicitada nas bases, que serán publicadas no Boletín Oficial da Provincia (BOP).

    As subvencións están destinadas á organización de actividades -cursos, celebracións tradicionais, viaxes culturais, obradoiros, certames, etc-. Non se subvencionarán aquelas actividades que teñan como único ou principal obxectivo a celebración dun xantar entre os membros da asociación, non considerándose como tales as festas de exaltación gastronómica.


    A selección das peticións e a contía das subvencións a conceder determinarase despois da consideración das actividades a realizar e de acordo cun baremo de puntuacións que ten en conta o interese da actividade e a súa adecuación ao interese local, o número de socios, a promoción da lingua galega, o orzamento da actividade e o coeficiente de financiamento derivado da solicitude.

    Festexos tradicionais

    O Goberno amiense tamén vén de aprobar as bases da convocatoria de axudas para a promoción de festexos tradicionais celebrados en 2012. En total, a esta convocatoria destinaranse 29.600 euros e poderán beneficiarse dela as asociacións culturais de Ames, legalmente constituídas e inscritas no rexistro municipal, e as comisións de festas. 

    Nesta ocasión, a convocatoria contempla un reparto de achegas que depende directamente da poboación da parroquia ou lugar no que se celebren as festas, intentando con isto que a actividade financiada chegue a un maior número de veciños e veciñas.

    As solicitudes deberán presentarse no rexistro xeral do Concello de Ames antes do 15 de novembro. Os interesados e interesadas deberán presentar a documentación solicitada nas bases, que serán publicadas no Boletín Oficial da Provincia (BOP).


    25 sep 2012 / 18:57
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito