Santiago
+15° C
Actualizado
lunes, 03 junio 2024
15:30
h

Ames aproba a expropiación forzosa dos terreos para a potabilizadora de Ames-Brión

Ante as críticas do grupo socialista, a edil de Medio Ambiente respondeu “que se non se expropiou antes foi por que non se quixo"

    O pleno ordinario do mes de agosto no Concello de Ames aprobou por unanimidade, na sesión celebrada na tarde de onte, a expropiación forzosa para a obtención dos terreos necesarios para a construción da ETAP Ames-Brión e a fixación dos festivos locais do concello de Ames para o ano 2014.

    A concelleira de Medio Ambiente, María Eugenia Martín, fixo un repaso pola cronoloxía relativa á potabilizadora e subliñou que “o Concello puxo a disposición de Augas de Galicia distintas parcelas para a planta, que non resultaron viables, segundo os diferentes estudos técnicos realizados pola Consellería de Medio Ambiente”. María Eugenia Martín explicou que, unha vez comunicado este extremo por parte da dirección de obra, “decidiuse volver negociar cos propietarios das primeiras parcelas, e ante a imposibilidade de chegar a acordo, recorreuse á vía expropiatoria”. O obxectivo, destacou a concelleira, “é evitar poñer en perigo un investimento de máis de 6 millóns de euros, tanto polos fondos cos que está financiada a obra como pola necesidade da UTE adxudicataria de continuar cos traballos”.

    Na súa intervención, explicou que a aprobación do proxecto ETAP Ames-Brión 1º fase por parte de Augas de Galicia leva implícita a declaración de utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación, segundo o artigo 28 da Lei 9/2010, de 4 de novembro, xa que esta actuación está incluída no Plan de Medidas do Plan Hidrolóxico Galicia-Costa e é, por esta razón, unha obra hidráulica de interese da comunidade autónoma.

    A concelleira de Medio Ambiente destacou que “a vía da expropiación resulta ser a máis áxil para poder poñer os terreos a disposición da Xunta no menor prazo posible, e continuar, deste xeito, coa execución dunha infraestrutura fundamental para o Concello”. María Eugenia Martín engadiu que “dado que o prezo a pagar aos propietarios expropiados, tanto nos terreos da planta coma nos dos depósitos, é o mesmo que se pactara con aqueles que estaban dispostos á venta, non se causa prexuízo a terceiros e conséguese xestionar uns terreos coa premura suficiente para asegurar a execución da potabilizadora”.

    Ante as críticas do grupo socialista, a edil de Medio Ambiente respondeu “que se non se expropiou antes foi por que non se quixo, xa que foi o anterior alcalde socialista o que desistiu de levar a cabo un proceso expropiatorio iniciado xa en maio de 2009”. Neste sentido, insistiu en que “foron vostedes os que non quixeron expropiar e nós agora presentamos e aprobamos unha solución, só mes e medio despois de que chegase o informe de Augas de Galicia o pasado 5 de xullo”.

    Pola súa banda, o alcalde de Ames, Santiago Amor, cualificou como “sorprendente” as críticas do portavoz socialista, ao que acusou de “tentar ir en contra dun proxecto aprobado en 2008 e que en 2009 entrou en vía morta porque vostedes non levaron a cabo as xestións necesarias”. Por esta razón, subliñou que os socialistas “tentan lanzar unha cortina de fume para tapar a súa nula xestión nesta cuestión”.

    O Goberno amiense fai fincapé en que se lle facilitou a todos os membros da Corporación toda a documentación que obraba no expediente e que “en ningún momento se lle negou nada”. O Executivo municipal remarca que os concelleiros dispoñían de toda a documentación necesaria para deliberar sobre a cuestión. Lembra, ademais, que o anterior alcalde socialista desistiu da expropiación por non enviar a documentación a tempo, tal e como obra no expediente e que o Contencioso non impedía a expropiación.

    O Executivo municipal subliña que o Goberno socialista non foi capaz de xestionar unha obra, fundamental para Ames, e que estaba planificada para estar rematada no 2011. Rexeita, ademais, calquera tipo de complacencia coa Xunta de Galicia, que fixo os seus deberes en tempo e forma, sendo o Goberno socialista incapaz de poñer os terreos a disposición.

    Cronoloxía

    En relación aos terreos para a potabilizadora, en xaneiro de 2008 Augas de Galicia redacta o anteproxecto 'Abastecemento Ames-Brión 1º Fase', cun orzamento de licitación de máis de 8,1 millóns de euros, un investimento de gran transcendencia para o Concello de Ames. Este anteproxecto foi aprobado no pleno de xuño de 2008, comprometéndose o Concello á entrega dos terreos necesarios.

    Seguidamente, no pleno ordinario de maio de 2009 adoptouse o acordo de inicio de expediente de expropiación forzosa dos terreos necesarios para a execución das obras do proxecto denominado “Abastecemento en Ames-Brión 1ª fase”. En dito acordo plenario prestouse aprobación á memoria que contiña a relación dos bens e propietarios a expropiar para a execución da devandita obra e acordouse solicitarlle á Comunidade Autónoma a declaración de urxente ocupación. Este acordo plenario tomou como base técnica o anteproxecto “Abastecemento Ames-Brión 1ª fase”, aprobado previamente no pleno ordinario de xuño de 2008. A memoria coa relación de bens e propietarios estivo en exposición pública e presentáronse alegacións que foron informadas pero non resoltas.

    Posteriormente, a consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia, adxudicou o contrato de redacción do proxecto e de execución das obras “Abastecemento en Ames-Brión 1ª fase” á empresa UTE Puentes y Calzadas Infraestructuras SLU & BEFESA Agua S.A.

    O pasado 5 de agosto Augas de Galicia entregou o proxecto “Abastecemento en Ames-Brión, 1ª fase”, pero a relación de bens e dereitos non aparecía en dito proxecto. Deste xeito, a devandita relación individualizada tivo que ser redactada por Estudio Técnico Gallego e foi entregada o día 19 de agosto. Este documento contén unha relación de bens e dereitos substancialmente diferente á que contiña o anteproxecto técnico desta obra. A variación non só se produce nos bens e dereitos a expropiar senón tamén no importe das indemnizacións.

    Agora, deixase sen efecto o acordo plenario de 28 de maio de 2009 de inicio de expediente de expropiación forzosa dos terreos necesarios para a execución das obras “Abastecemento en Ames-Brión 1ª fase” e aprobase inicialmente a nova relación de bens e dereitos a expropiar.

    Fixación dos festivos locais

    Por outra banda, o pleno de agosto aprobou por unanimidade a fixación dos festivos locais do concello de Ames para o ano 2014. Tradicionalmente no Concello de Ames véñense establecendo coma festivos locais o día da Ascensión e o día de San Xoán, salvo aqueles casos nos que estes coincidisen como festa laboral autonómica ou como días non laborables que se deriven do Decreto da Xunta de Galicia. No ano 2014, ningún destes dous días (Ascensión e San Xoán) coinciden con festividade autonómica.

    Tendo en conta este feito, fixáronse como festivos locais para o ano 2014 o día da Ascensión (29 de maio) e o día de San Xoán (24 de xuño). O alcalde de Ames, Santiago Amor, explicou que se lles comunicou inmediatamente aos centros educativos de Ames e ás institucións interesadas a fixación destes días festivos para que os tivesen en corta de cara aos seus propios calendarios educativos e laborais.

     

     

    30 ago 2013 / 17:22
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito