Santiago
+15° C
Actualizado
lunes, 03 junio 2024
15:30
h
pleno

Ames aproba o regulamento do cemiterio municipal que establece as súas condicións de uso

O alcalde, Santiago Amor, indica que se buscará unha fórmula de xestión directa en colaboración con algunha empresa

    A corporación municipal de Ames aprobou por unanimidade, no pleno celebrado onte, o regulamento do cemiterio construído no lugar de Os Batáns, preto do núcleo de Bertamiráns. Esta norma recolle as condicións de uso e de concesión de nichos, panteóns e columbarios do camposanto que é propiedade do Concello de Ames. O alcalde, Santiago Amor, indicou que se buscará unha fórmula de xestión directa en colaboración con algunha empresa. Coincidiu cos grupos da oposición en que se dá un paso importante coa aprobación deste regulamento.

    Outro dos temas que saíu adiante por unanimidade foi a aprobación dunha addenda para prorrogar o convenio de colaboración entre o Concello e o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar para a construción dunha nova escola infantil en Bertamiráns. O concelleiro de Educación, Bernardo Moar, sinalou que “a intención do goberno municipal é que esta escola infantil estea rematada de cara ao vindeiro curso escolar 2015-2016”.

    Toma de posesión de Ana Ruso e Begoña Gómez

    Na sesión plenaria tomou posesión da súa acta de concelleira Ana Ruso, que pasa a formar parte do goberno municipal despois da renuncia de Carmen Verde, anunciada o pasado 26 de decembro. Ademais incluíuse na orde do día unha moción por vía de urxencia para que Begoña Gómez, do PSOE, tamén accedese a formar parte da corporación municipal, despois da dimisión da concelleira Carmen Fraga, que se deu a coñecer no pasado pleno celebrado o 27 de novembro. Primeiro aprobouse por unanimidade a urxencia da moción, e posteriormente, Begoña Gómez, xurou o cargo como nova concelleira da corporación municipal.


    Temas económicos

    A corporación municipal aprobou por maioría simple, cos votos a favor dos cinco concelleiros do grupo de goberno e coa abstención dos concelleiros non adscritos e os edís do grupo municipal socialista, o recoñecemento extraxudicial plenario 1/2015, para o desenvolvemento dun sistema de xestión de solicitudes no programa de comedores escolares, realizado pola empresa Tecnologías Plexus por un importe de 17.015,60 euros.

    Tamén se aprobou a modificación da base de execución do orzamento número 41, como requisito previo para a posterior concesión dunha achega nominativa á Asociación de Comerciantes de Bertamiráns pola organización da X Feira do Comercio Val da Maía; ás entidades Cáritas Diocesana do Milladoiro e Cáritas Parroquial San Juan de Ortoño; e a Asociación de Comerciantes do Milladoiro, pola organización do evento comercial “Merca, Tapea e Gaña”.

    Por último, abordouse unha moción presentada polos concelleiros do grupo municipal socialista e polos concelleiros non adscritos María Dolores Fernández, Alfonso Rey, María González, Manuel Ferreiro, Emilio Martínez, Ramón García Argibay, Pilar Candocia, Olaia Alvite, Susana Mayo e Anxo Doval sobre o acceso aos tratamentos de última xeración para as persoas doentes de hepatite C. Esta moción saíu adiante por unanimidade de toda a corporación municipal.

    30 ene 2015 / 17:21
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito